Noticias

Agolada pecha o Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra cunha última achega de 23.000 €

Con este novo investimento o Goberno de Carmela Silva financiará a adaptación da vivenda comunitaria á normativa vixente


28 novembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado de Cooperación, Carlos López Font, anunciou que a Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante resolución presidencial, a última achega do Plan Concellos 2018 para o Concello de Agolada. Trátase dunha axuda de 22.438,06 euros coa que a vila do Deza poderá levar a cabo as obras de mellora para adaptar a vivenda comunitaria á normativa vixente.

Con esta última achega o Concello de Agolada xa adxudicou o 100 % do Plan Concellos. Coa Liña 1 de investimentos, recibiu 20.500 euros para a merca de pendellos; 28.747,60 euros para a impermeabilización de dúas piscinas municipais; 66.016,43 euros para a substitución de beirarrúas e substitución e adaptación de xogos infantís en Laxe-Ventosa; 120.578,92 para mellora de camiños de titularidade municipal con firme de asfalto; 64.440,63 euros para a mellora e conservación de camiños na rede viaria municipal, e 13.572,37 euros para o Plan de mellora de camiños municipais.

Ademais, a Deputación de Pontevedra adxudicou 48.850,06 euros no que corresponde á Liña 2. Finalmente, no caso da liña 3 de emprego, o Concello puido financiar 114.761,63 € á contratación de 17 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello.