Noticias

Adxudicada a Narom a mellora da estrada provincial EP-9305 entre o núcleo de Ribadumia e a ruta da Pedra e da Auga

As obras iniciaranse logo de que o Concello recúe os muros das parcelas cedidas pola veciñanza para a ampliación da vía


28 xaneiro 2019
Ribadumia

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe a adxudicación á empresa Narom SL das obras de mellora da estrada provincial EP-9305 Coirón-Ribadumia no treito de medio quilómetro que vai desde o centro da vila ata o inicio da ruta da Pedra e da Auga. O orzamento de adxudicación foi finalmente de 172.350,56 euros, o que supón un 23 % de baixa con respecto á licitación.

A realización das obras, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, interesou a un total de nove firmas, mais dúas construtoras foron excluídas por presentar ofertas anormalmente baixas que o persoal técnico da Deputación considerou temerarias. No día de hoxe formalizouse oficialmente a adxudicación, e Narom SL terá 15 días de prazo para presentar a documentación necesaria do contrato, ademais dun mes para realizar o replantexamento das obras. En calquera caso, os traballos de mellora da estrada non poderán iniciarse, dixo Benítez, ata que o concello realice os recuamentos de muros das parcelas que a veciñanza cedeu para a ampliación da estrada. Unha vez se inicia obra, o prazo de execución será de catro meses.

O obxectivo desta actuación é fomentar o tránsito peonil na zona e calmar o tráfico en arredor de medio quilómetro de lonxitude grazas a unha nova senda peonil e ciclista de 2,5 metros de largo e á instalación de redutores físicos de velocidade de vehículos -que permitirán crear una ‘zona 30'-. O deputado Uxío Benítez explica que este proxecto exemplifica o cambio de filosofía da Deputación en materia de Mobilidade, xa que coa chegada do novo Goberno "os proxectos de reforma viaria poñen o foco nas necesidades das persoas e apostan pola seguridade, a sustentabilidade e a inclusión".

A actuación en Ribadumia será unha realidade grazas ao convenio asinado entre Deputación e Concello o pasado mes de maio de 2018, facéndose cargo do 70 % do custo da obra a institución provincial, mentres que o Goberno local fará fronte ao 30 % restante.