Noticias

A rede "Mulleres Imparables" recoñece o traballo da Deputación de Pontevedra en prol da igualdade cun premio na categoría de expansión

Carmela Silva lembrou que "a Igualdade é un dos alicerces do noso Goberno" e reivindicou a "necesidade de crear sinerxías para impulsar este tipo de proxectos de maneira global"


15 setembro 2017
Carmela Silva

A Deputación de Pontevedra acaba de recibir o premio na categoría de Expansión pola súa colaboración coa rede de mulleres profesionais #MujeresImparables. O xurado fixo pública a súa decisión onte en Chiclana, ao abeiro da segunda edición da xornada #AlianzasImparables, un innovador formato de visibilización de distintos proxectos de emprendemento de éxito entre as persoas que forman parte da súa rede. Deste xeito, a institución provincial acadou un galardón que compartiu na súa categoría cun proxecto de destino turístico compartido entre San Sebastián e Sevilla, "Ongi Etorri Miarma".

A distinción acadada pola Deputación de Pontevedra recoñece o traballo levado a cabo pola institución provincial en colaboración con esta rede: un traballo de difusión para aumentar o número de persoas adheridas, a súa participación en diversas das xornadas organizadas pola rede de profesionais #MujeresImparables ao longo do territorio estatal e tamén a organización, o pasado mes de outubro, a primeira xornada deste colectivo en Galicia (a xornada tivo lugar o sábado 22 de outubro no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra).

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosouse "absolutamente orgullosa por este premio, xa que acaba de amosar a importancia da Igualdade para o noso Goberno". Carmela Silva sinalou que "con este premio na categoría de expansión queremos pór en relevancia a necesidade de xerar contactos e sinerxías entre institucións públicas e iniciativas privadas de distintos territorios que permitan impulsar os proxectos importantes dunha maneira máis global", o que asegurou "forma parte do ADN propio da rede #MujeresImparables".

A presidenta provincial lembrou que "a Igualdade e a visibilización das mulleres é algo que nos atinxe a todas e a todos para derrubar os prexuízos e os séculos de esquecemento da contribución das mulleres á sociedade, e seguiremos traballando nesta mesma liña". "A Igualdade é un dos alicerces do noso Goberno e este premio non fai outra cousa que confirmar os froitos dun traballo exemplar en tan só dous anos desde a creación desta área", declarou Carmela Silva.

Na xornada de #MulleresImparables de Pontevedra participaron mulleres emprendedoras de relevancia nacional, co obxectivo de visibilizar a mulleres galegas con iniciativas profesionais interesantes e innovadoras mediante un formato fresco que combinou conferencias curtas, dinámicas de traballo e un xantar networking para fomentar a interacción entre as persoas asistentes.

A Asociación Red Profesional #MujeresImparables valorou onte 22 proxectos, dos que 10 resultaron finalistas, e que estiveron agrupados en cinco categorías: consolidación, expansión, innovación, revelación e visibilización. A través destes premios, a Asociación recoñeceu o talento das mulleres e homes que traballan na súa rede desenvolvendo iniciativas de valor no ámbito social, económico e cultural.