Noticias

A presidenta asiste á xornada de "Mulleres Imparables" en Cádiz

A presidenta da Deputación puxo en valor a Escola de Igualdade María Vinyals como un referente en todo o Estado e os proxectos do novo servizo da institución lembrando que "as mulleres somos unha forza necesaria para construír un país e unha sociedade dignas"


13 dec 2016
Mulleres Imparables
mulleres imparables

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asistiu hoxe en Cádiz a un novo encontro organizado pola rede profesional de mulleres emprendedoras #MujeresImparables, baixo o nome de "Mujer empresaria, mujer imparable. Creando redes". Trátase dunha xornada na que participaron arredor de 200 persoas e que tivo por obxectivo profundar en aspectos relacionados coa visibilización das mulleres e, moi en especial, co enorme potencial das redes sociais como un instrumento de dinamización no mundo empresarial.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que "todas nós, as mulleres, somos unha forza necesaria para construír un país que volva xerar actividade económica e empregos de calidade e con dereitos. En definitiva, unha sociedade digna onde todas e todos podamos vivir dunha forma adecuada, con todas as garantías e dereitos". Unha sociedade, asegurou, "na que temos que ocupar un papel moi importante porque temos moito que achegar. Sempre estivemos aí, sempre traballamos moito, impulsamos proxectos e tivemos ideas, xa que somos imparables, pero temos sido moi invisibles e iso non o imos ser nunca máis". Silva tamén agradeceu "aos homes que vos achegastes hoxe porque non é habitual que as mulleres convoquemos este tipo de actos e veñan homes co obxectivo de camiñar connosco, xuntas e xuntos. Debedes saber que sodes moito máis intelixentes e imparables que os que non están hoxe aquí", dixo.

Durante a xornada celebrada nun hotel da cidade, distintas mulleres empresarias e emprendedoras déronse cita para falar de ideas transformadoras e casos de éxito de compañeiras e compañeiros do sector, de ferramentas de innovación social e tecnolóxica empregadas nos seus proxectos, e tamén se celebrou unha clase maxistral a cargo de dúas irmás impulsadoras dun proxecto de restauración e que participaron nunha popular competición culinaria televisiva.

A presidenta provincial, Carmela Silva, interveu durante a rolda de intervencións chamada "Diálogo por la igualdad" na que puxo en valor as distintas iniciativas levadas a cabo pola Deputación de Pontevedra baixo o seu servizo de Igualdade, un dos eixes fundamentais do novo Goberno provincial e, de feito, unha competencia directa que ata a súa chegada nunca tivera a institución provincial. A presidenta resaltou proxectos como os obradoiros do programa "Conectadas 2016", dirixidos a entidades que traballan na promoción, empoderamento e asociacionismo das mulleres na provincia; o proxecto "Sorrisos transformadores", unha exposición fotográfica e xornadas formativas dirixidas a visibilizar, sensibilizar e naturalizar a realidade das persoas menores trans* de Galicia; as accións artísticas "Violencia Zero" tanto en 2015 como no curso 2016-2017, dirixidas a reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual da problemática da violencia machista; ou un dos fitos da Deputación de Pontevedra no eido da Igualdade como é a creación da "Escola de Igualdade María Vinyals", un espazo público de encontro, reflexión e formación que está a dotar á cidadanía dos coñecementos necesarios en materia de Igualdade, permitindo que estes se integren nos eidos tanto persoal como profesional e que xa levou a cabo diversas xornadas formativas cun grande éxito de asistencia.

A Deputación de Pontevedra tamén traballou en diversos proxectos como a organización dunha xornada de visibilización das mulleres rurais, a elaboración dun protocolo para a detección e tratamento na empresa de situacións de violencia de xénero producidas dentro e fóra dos lugares de traballo, as primeiras convocatorias de subvencións dirixidas, por unha banda, ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o fomento da Igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia de xénero e, pola outra, aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, o control e seguimento do servizo telefónico de atención e protección ás vítimas de violencia de xénero, o programa de visibilización das creadoras audiovisuais "Cinema e muller", o proxecto "Muller e sustentabilidade no mar", os premios "Sofía Novoa Ortiz" para traballos de fin de grao e fin de máster á integración da perspectiva de xénero ou a implantación da perspectiva de xénero en todos os procesos de comunicación da institución provincial.

Esta non é a primeira vez que a Deputación de Pontevedra colabora coa rede profesional #MujeresImparables. De feito, o pasado 22 de outubro celebrouse no Museo de Pontevedra outro dos "Encontros Imparables", o primeiro en Galicia, organizado polo servizo de Igualdade da institución provincial. Nesta xornada apostouse polas conferencias dinámicas e breves impartidas por mulleres procedentes de eidos moi diversos como a innovación dende as institucións públicas, a comunicación e a interpretación, o coaching, o xornalismo ou a xestión cultural, ademais de acoller obradoiros nos que as asistentes idearon un proxecto de empresa ou reconstruíron a historia dunha muller "imparable" e emprendedora.