Noticias

A música urbana de Rendi Nue chega este xoves ao Grove co programa da Deputación "Violencia zero"

"Non ser muller libre mentres haxa mulleres sometidas" é o título da acción da cantante do programa que busca darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas


24 abril 2019
Rendi Nue

O auditorio do IES Monte da Vila do concello do Grove, será escenario este xoves, 25 de abril, ás 12 horas, dunha nova intervención artística dentro do programa da Deputación "Mulleres en acción. Violencia zero". A iniciativa está aberta a toda a cidadanía e contará ademais coa asistencia do alumnado do instituto da vila. A compositora Rendi Nue leva ata o Grove a peza Non ser muller libre mentres haxa mulleres sometidas, un espectáculo de música urbana para lanzar a mensaxe de respecto ás mulleres e de loita pola igualdade.

A artista compostelá colle o título dun lema semellante que promulgou a activista estadounidense Audre Lorde cando, en todas as editoriais e medios, denunciaba as malas condicións nas que vivían as mulleres en todo o mundo. Aproveitando este legado de loita polos dereitos civís, Rendi Nue percorre os escenarios, rúas, bares, salas, locais, asociacións e calquera lugar público onde pode difundir e consolidar a presenza da muller na música urbana, "lanzando a miña mensaxe e os meus valores, desde as líricas do rap e desde a forza da palabra, a través da música e coa alma. Pois iso: Mulleres en acción".

Rendi Nue se interesou desde moi nova por estilos musicais coma o blues, o soul, o jazz, o reggae, a mestura… Centrando o seu estilo na música urbana, comeza a compoñer rap, combinando con outros estilos musicais coma o dub, a electrónica e o r&b. Na súa traxectoria formou parte como vocalista do grupo de rap-metal La Suite F e continuou a súa carreira en solitario. Algúns dos seus traballos lanzados ata agora son: Nadie me conoce, Ep Zero, o sinxelo Mamba Negra, Prestazione ou o LP Shiva.O seu último lanzamento é Atmósfera, baixo o selo Producciones CreoEnMi, gravado, mesturado e masterizado polo produtor Bleis Beats. Rendi Nue ten compartido cartel musical con artistas coma Little Pepe, Nish Wadada, Gata Cattana, Suite Soprano, Denom, Locoplaya, Ricky Hombre Libre, Rebeliom do Inframundo, Niños Velcro, Soge Culebra, Erin (Comando Katana) e George Palmer.

 "Mulleres en acción. Violencia zero" neste ano 2019 volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. O obxectivo é darlle visibilidade á loita pola igualdade e contra as violencias machistas, ao tempo que serve de escaparate para enxalzar o traballo das mulleres artistas galegas. Esta cuarta edición de "Mulleres en acción. Violencia zero" comezou en novembro de 2018 e novamente se despraza por 25 concellos da provincia.