Noticias

A arte gráfica de Lidia Cao chega este xoves a Silleda co programa da Deputación "Violencia zero"

A unión é vida é o título desta nova acción artística dun programa que busca darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas


08 maio 2019
violencia cero Silleda

O IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda será escenario este xoves, 9 de maio, ás 12 horas, dunha nova intervención artística dentro do programa da Deputación "Mulleres en acción. Violencia zero". A iniciativa contará coa participación de alumnado e profesorado deste instituto da vila, na que a artista Lidia Cao levará a peza A unión é vida, que consistirá na elaboración dun mural que simboliza "a unión que nos fai máis fortes ante calquera cousa e máis o amor e o respecto mutuo. Violencia zero para todas e todos".

Mediante a súa acción artística, Cao pretende explicar que na unión reside a vida. "Non todo o que parece perdido o está, non todo o que se esmagou queda esmagado. Das cinzas pode rexurdir unha chispa, un sinal de vida e de movemento. A unión fainos máis fortes ante calquera cousa. Todo é vida se existe unión. E trátase de harmonía, un equilibrio máxico e lóxico".

Lidia Cao é ilustradora, nacida en Compostela pero criada en Ordes, terra de graffiti e muralismo, polo que medrou con murais sempre ante os seus ollos. Desde moi pequena mostrou un grande interese pola arte de debuxar. Dedícase á ilustración, ao deseño e á pintura mural nas que destaca a figura feminina e os retratos psicolóxicos. É tamén grande amante da natureza e dos animais, polo que tamén é velos habitualmente mesturados nas súas obras. Participou en festivais de Arte Urbana como Pintando el Sur (Getafe), Vigo Cidade de Cor (Vigo), ou DesOrdes Creativas (Ordes). Ten colaborado coa editorial Urco, na que é autora das ilustracións do libro infantil As cinco castes, o último conto inédito da homenaxeada nas Letras Galegas de 2018, María Victoria Moreno. Entre os seus últimos traballos está tamén a portada do último disco da cantante Sés, Rabia ao silencio.

"Mulleres en acción. Violencia zero" neste ano 2019 volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. O obxectivo é darlle visibilidade á loita pola igualdade e contra as violencias machistas, ao tempo que serve de escaparate para enxalzar o traballo das mulleres artistas galegas. Esta cuarta edición de "Mulleres en acción. Violencia zero" comezou en novembro de 2018 e novamente se despraza por 25 concellos da provincia.