Noticias

A mostra integradora da Deputación de Pontevedra, "Sorrisos transformadores" chega ao IES do Castro en Vigo

A exposición, froito da colaboración da Deputación de Pontevedra con ARELAS, poderá visitarse desde o 19 de novembro ata o 5 de decembro


17 novembro 2019
Sorrisos transformadores

A Deputación de Pontevedra e a Asociación de Familias de Menores Trans* de Galicia (ARELAS) levan a Vigo desde este próximo martes ao IES do Castro a exposición "Sorrisos transformadores", o proxecto fotográfico para a visibilización do colectivo LGTBI. De feito, Cristina Palacios, presidenta de ARELAS, ofrecerá no marco desta mostra unha charla no salón de actos do centro á que acudirá alumnado e profesorado do centro. Nela afondará sobre a situación do colectivo LGTBI, aportará a súa experiencia persoal e responderá ás dúbidas e cuestións que poidan xurdir. A inauguración será ás 12:00 horas e a exposición poderá visitarse ata o 5 de decembro entre as 9:00 e as 15:00 horas.

"Sorrisos transformadores" é unha mostra itinerante que acaba de percorrer varios concellos da provincia de Pontevedra e tamén algún outro emprazamento fóra da provincia, coma Betanzos ou a Universidade de Santiago de Compostela. A exposición consta de 10 fotografías de Noemí Chantada nas que aparecen retratadas persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista ou sobre o seu contorno. Entre as persoas retratadas inclúense persoas de relevancia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe, como especialistas da educación, do dereito, da política ou da psicoloxía.

A finalidade de "Sorrisos transformadores" é a de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero.

Vídeos