Noticias

A Lama suma outros 200.000 euros do "Plan Concellos" para levar a cabo seis novos proxectos

A institución provincial leva entregado o 87 % do total destinado á Lama dentro do plan, cun investimento situado en máis de 400.000 euros


25 setembro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, seis novas achegas ao Concello da Lama no marco do "Plan Concellos 2017", dentro da súa liña 1 de Investimentos, que suman en total 192.141,16 euros. Deste xeito, A Lama poderá desenvolver seis novos proxectos coas axudas da institución provincial, situadas entre os 46.000 e os 12.000 euros.

En primeiro lugar, A Lama recibe 46.004,87 euros para o saneamento e a pavimentación de camiños en Covelo e Chozas e para a pavimentación dun aparcadoiro no Peso. Para a humanización da zona de hórreos no Seixido, a Deputación de Pontevedra concédelle unha axuda de 41.747,66. Outros 40.831,15 euros do "Plan Concellos 2017" permitirán levar a cabo a restauración do pavimento en mal estado de Cernedo. No caso da mellora de abastecemento de Gaiola, en Seixido, a achega que recibe A Lama está valorada en 27.700,34 euros. Outra axuda de 23.708,15 euros permitirá á Lama actuar na contorna da Igrexa de San Bartolomeu, en Seixido, mentres que o concello tamén poderá, en último lugar, adquirir lámpadas LED cunha inxección de 12.148,99 euros.

Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", anteriormente a institución provincial xa destinara á Lama outros 112.760,86 euros en liña 1 para a mellora de accesos e a pavimentación dun aparcadoiro, a pavimentación dun viario e a adquisición dun camión de recollida de residuos e, finalmente, 104.786,90 euros cos que A Lama puido contratar a 15 persoas que desenvolveron as súas profesións nos distintos servizos municipais da localidade.

Coa suma desta nova achega, A Lama xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 87,2 % do total do investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 409.688,92 euros dun total de 470.000 euros.