Noticias

A Deputación de Pontevedra concédelle un préstamo sen xuros de case 125.000 € ao Concello da Lama para a compra dun camión do lixo

Seis concellos da provincia solicitaron este tipo de axudas a comezos de ano por unha cantidade de preto de 1,2 millóns de euros


03 maio 2017
A Lama

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o alcalde da Lama, Jorge Canda, acompañados pola deputada de emprego, Montse Magallanes asinaron esta mañá no Pazo provincial a concesión dun préstamo sen xuros de case 125.000 € cos que a localidade fará fronte ao financiamento da compra dun camión de recollida do lixo. Esta concesión facilítalle ao concello unha fonte de financiamento ao menor custo posible sen ningún tipo de xuros, comisións ou gastos doutro tipo.

En concreto, o Concello da Lama recibirá 124.527,15 €, préstamo que amortizará en quince anos a razón de 8.301,81 € anuais. Grazas a estas axudas a Deputación de Pontevedra permite que os concellos beneficiarios, os de menos de 50.000 habitantes, poidan afrontar a execución de distintos investimentos grazas a unha partida que no seu total ascende a 1.140.396,46 €. Mentres que o anterior goberno concedía os préstamos e anticipos con intereses situados no 2 %, o actual goberno decidiu suprimir os xuros co fin de contribuír a facilitar e mellorar a situación que están a vivir os concellos da provincia. Así mesmo, este ano adiantáronse as achegas a comezos de ano (as bases aprobáronse o 27 de xaneiro) ao considerar que se trata dun instrumento máis da planificación de políticas públicas.

En total, xunto coa Lama, serán seis concellos máis os destinatarios das concesións neste ano 2017. Deste xeito Catoira recibirá 400.000 € para o financiamento dunha operación de tesourería; Fornelos de Montes 49.500 € para financiar o equipamento e adaptación de oficinas e impulsar a accesibilidade na praza; Arbo 30.047,76 € para o financiamento da compra dun solar na Chan para a construción da residencia da terceira idade; Poio 136.321,55 € para o financiamento da mellora dos servizos e urbanización da rúa Benigno Esperón e Ponteareas 400.000 € para financiar a creación da rede de distribución térmica e comprar a deshumectadora da piscina.


Novas relacionadas