Noticias

A Lama recibirá en 2017 470.000 € do Plan Concellos da Deputación, case un 3 % máis de recursos que o ano anterior

O Goberno de Carmela Silva achegoulle á vila durante 2016 un total de investimentos de máis de 700.000 euros


23 decembro 2016
A Lama

A Deputación de Pontevedra achegaralle o vindeiro ano un 3 % máis de recursos ao Concello da Lama no marco do Plan Concellos 2017, un incremento que vén dado polas novas bases do plan, que teñen por obxectivo beneficiar os concellos máis pequenos da provincia. Deste xeito, a vila da comarca de Pontevedra recibirá un total de 469.674,52 € do Plan Concellos 2017, 11.829,37 € máis que este ano, o que supón un 3 % máis de recursos que en 2016, ano no que xa tivo un 30 % de incremento respecto a 2015 (o que se traduciu en 105.676,98 € máis). Á marxe do Plan Concellos, A Lama recibirá o ano que vén outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

Durante 2016 a Deputación de Pontevedra destinou á Lama un total de 710.027,13 €, dos cales 457.845,15 € se corresponden co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 47.000 € en mobilidade, 43.000 € en cohesión social e xuventude, 17.000 € en cultura e lingua, 19.000 € para o fomento do emprego, 432 € para o impulso do deporte e outros 4.500 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos, investíronse 293.136,68 € para a mellora do pavimento, os muros de sostemento e o ancheamento e a mellora de pavimentos e drenaxes de diversos camiños, a dotación de iluminación pública, a reforma do parque infantil de Verducido, a mellora dos accesos a núcleos rurais e a mellora de infraestruturas municipais en diversos núcleos da vila. Ademais, 60.000 € para sufragar gastos correntes a través da liña 2, 17.200 € na liña 3 para o financiamento das actividades da Semana Cultural e, grazas á liña 4, creáronse 14 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 87.539 €. En materia de cooperación municipal, A Lama recibiu tamén 80.000 € dentro do PICEI 2016, programa para a redistribución dos recursos públicos que permite impulsar a equidade en servizos e equipamentos dos concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes, destinados, no caso da Lama, a un proxecto de eficiencia da iluminación pública.

Á marxe do Plan Concellos 2016, A Lama recibiu 16.622,30 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con máis de 30 actuacións do Pontegal e axudas para a rehabilitación do patrimonio histórico-cultural. Tamén se destinaron 42.958,26 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios e as axudas básicas de emerxencia ou ben mediante os programas "En Ruta coa Depo", "Depo en marcha", "Depo RúARTE", "Depotermal", "Tecendo lazos" e "Depo Aventura A Lanzada", no que participou un cativo do concello.

Do mesmo xeito, A Lama recibiu 432 € para o deporte federado de base e a copa de fútbol Deputación de Pontevedra, así como 18.845,76 € destinados ao fomento do emprego a través do Plan de Práctica Laboral, que está a permitir que dúas persoas desenvolvan a súa primeira experiencia laboral no Concello da Lama. Tamén se achegaron 4.446,75 € para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a través do programa "Conectadas 2016", e a Deputación de Pontevedra investiu, do mesmo xeito, outros 47.632,67 € en materia de mobilidade, en concreto para as obras de sinalización horizontal e o Plan MOVESE.