Noticias

A Deputación de Pontevedra destina preto de 600.000 euros para a contratación de 72 persoas en Bueu, A Estrada e Ribadumia ao abeiro do Plan Concellos 2017

Con esta novena aprobación, o goberno de Carmela Silva leva investidos, en pouco máis de dous meses, máis de 7,6 millóns de euros destinados á inserción laboral na provincia


18 marzo 2017
Economía

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a novena concesión de subvencións, nesta ocasión por un total de 589.806,49 €, no marco da liña 3 de emprego do Plan Concellos 2017. Esta cantidade será destinada aos concellos de Bueu, A Estrada e Ribadumia, para que poidan contratar a 72 persoas.

Carmela Silva sinalou que "con estas achegas, a institución provincial leva xa investidos en pouco máis de dous meses un total de 7.655.748,88 €, o que supón 0 82,59% da liña 3 do Plan Concellos 2017". A Presidenta provincial sinalou a súa satisfacción "polo avanzada que está a concesión da liña 3 do Plan Concellos", grazas á cal "a día de hoxe xa se crearon 972 postos de emprego en 53 concellos da provincia de Pontevedra" que suporán a garantía e o mantemento dos diversos servizos municipais destas vilas.

En concreto, a través desta aprobación, o concello de Bueu recibirá 180.774,98 € para a contratación de 30 persoas, a Estrada 306.439,38 € para empregar a 30 homes e mulleres e Ribadumia beneficiarase de 102.592,13 € para contratar a 12 persoas.

Cabe sinalar que este ano a achega total á liña 3 do Plan Concellos 2017 está situada en 9.270.000 €. Esta cifra supón o 22,5% da totalidade do Plan que, neste exercicio, conta con 41,2 millóns de euros, o que se traduce nun 3% máis que o ano pasado.