Noticias

A Escola de Letras da Deputación segue adiante con novos obradoiros en formato telemático

Os tres últimos cursos de "Escrita creativa" de Diego Giráldez e os obradoiros de Inma López Silva, que arrancan en novembro, faranse on line


26 outubro 2020
Escola de Letras

Ante a actual situación derivada da pandemia a "Escola de Letras", que a Deputación de Pontevedra organiza xunto a Editorial Galaxia, vén de modificar a formato telemático os vindeiros obradoiros que ían ter lugar nas sedes de Vigo e Pontevedra da institución provincial. Deste xeito, hoxe mesmo, 26 de outubro, celebrarase en formato online o curso "Escrita creativa", con Diego Giráldez de 19:30 a 21:30 horas, e continuará o 28 e 29 de outubro, no mesmo horario e con todas as prazas cubertas.

No que respecta aos dous novos obradoiros Literarios, que dirixirá Inma López Silva previstos cara o último trimestre do ano, tamén contan coas prazas completas e levaranse a cabo en formato telemático. En concreto, o curso literario de perfeccionamento desenvolveranse os días 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro entre as 19:30 e as 21:30 horas, e o 9, 14 e 21 de decembro no mesmo horario. Pola súa banda, o obradoiro literario de iniciación terá lugar o 3, 10, 17 e 24 de novembro e os días 1, 10, 15 e 22 de decembro.

Inma López Silva (Santiago, 1978) é unha das novas narradoras galegas máis destacadas. En 2016 recibiu o Premio Insua dos Poetas como recoñecemento aos seus 20 anos de carreira literaria. Amais de escritora, destaca  como crítica e investigadora teatral, colaboradora habitual en numerosas publicacións periódicas e científicas. Actualmente é profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo.