Noticias

A Escola de Igualdade María Vinyals promove un curso on line sobre "Debates Teóricos e Axenda Política Feminista"

O seminario desenvolverase do 21 de outubro ao 9 de decembro e estará impartido por prestixiosas docentes universitarias españolas, baixo a dirección de Rosa Cobo


10 outubro 2021

A Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra impartirá desde o vindeiro 21 de outubro e ata o 9 de decembro o curso on line "Debates Teóricos e Axenda Política Feminista" que, baixo a dirección da profesora e escritora Rosa Cobo, impartirán mulleres referentes a nivel nacional e internacional, a maioría delas docentes universitarias. O seminario desenvolverase nun total de 8 sesións a través da plataforma Zoom e a inscrición xa está aberta e pode facerse a través da web provincial.

"Imos formar –explicou a presidenta Carmela Silva- sobre os principais debates teóricos desde o pensamento feminista, coa análise dos obxectivos prioritarios da axenda política feminista". O curso terá lugar nas tardes dos xoves, de 18.30 a 20.30 horas (excepto o xoves 25 de novembro, que pasará a celebrarse o venres 26), e o aforo é limitado a 100 prazas, que se asignarán por orde de inscrición. A institución provincial emitirá diploma acreditativo ás persoas que realicen as 16 horas.

A actividade arrancará o 21 de outubro con Rosa Cobo, que impartirá a sesión "Feminismo: tradición intelectual e movemento social. Oríxenes do feminismo e desenvolvemento histórico. A cuarta onda feminista e o seu corpo vindicativo". O día 28 será Carmen Ruíz Repullo, da Universidade Pablo Olavide Sevilla, quen falará de "Debates feministas en torno á violencia sexual", mentres que o 4 de novembro Beatriz Ranea, da Universidade Complutense de Madrid e Lydia Delicado, da Universidade de Alicante, falarán sobre "O imaxinario pornográfico e o dominio masculino".

As sesións continuarán o 11 de novembro coa charla "A prostitución na intersección de tres sistemas de poder: patriarcado, raza e clase. Debates abolicionistas", a cargo de  Rosa Cobo; o 18 novembro con "Ventres de aluguer: explotación reprodutiva e feminización da pobreza", a cargo de Laura Nuño, da Universidade Rey Juan Carlos e María Luisa Balaguer, da Universidade de Málaga e maxistrada Tribunal Constitucional e o 26 novembro, coa sesión "Críticas feministas á democracia. Mulleres e poder político. Democracia paritaria", a cargo de Mar Esquembre, da Universidade de Alacante.

En decembro, o día 2 Carmen Castro, economista feminista e asesora en Políticas de Igualdade falará sobre "A crítica feminista ao capitalismo neoliberal. A política sexual do novo capitalismo e o curso rematará o 9 decembro coa charla "Orixes e supostos do pensamento queer: o debate sobre o suxeito político do feminismo" que ofrecerá Luisa Posada Kubissa, da Universidade Complutense de Madrid.