Noticias

A deputada de Cohesión Social realiza unha visita ao Spa de Moaña que participa en DepoTermal

Digna Rivas agradeceu a colaboración e suxestións do establecemento moañés para mellorar o programa de benestar e ocio


31 agosto 2017
DepoTermal

A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, fixo hoxe unha visita ao Hotel SPA Benestar da localidade de Moaña que participa no programa "DepoTermal" da Deputación de Pontevedra. Rivas percorreu as instalacións do balneario, con preto de 2.500 metros cadrados, para coñecer in situ as dependencias e os tratamentos que van recibir os participantes no programa "DepoTermal" a partir do próximo mes de setembro.

A deputada provincial acompañada dos concelleiros de Moaña, María Ortega e Salvador Meira, foi recibida por Loreto Rodríguez, responsable do SPA Benestar de Moaña que os acompañou por todas as instalacións dando explicacións dos produtos e servizos que ofrecen as súas dependencias. Rivas agradeceu a Loreto Rodríguez a súa aposta, un ano máis, por acoller en Moaña a novos grupos de "DepoTermal".

A deputada provincial recordou á responsable do SPA Benestar as características do programa e as posibilidades, que por segundo ano consecutivo, teñen as persoas con menos recursos da provincia de poder gozar duns días de ocio e benestar coñecendo localidades de toda a provincia. Igualmente Digna Rivas tomou boa nota das suxestións da responsable do SPA moañés sobre a posibilidade de ofrecer información previa ás persoas participantes no programa dos establecementos nos que van a estar para que poidan gozar moito máis das súas estadías.    

O programa "DepoTermal" pon a disposición das persoas maiores de 50 anos da provincia máis de catro mil prazas para poder participar nunha das iniciativas con máis demanda por parte da cidadanía, e que inclúe 434 prazas gratuítas para persoas en situación ou en risco de exclusión social e sen recursos económicos. En total, catro mil persoas de 57 dos 61 concellos da provincia de Pontevedra (todos agás Dozón, Mondariz-Balneario, As Neves e Rodeiro) solicitaron a súa participación en "DepoTermal".

Para poder participar, sempre que estivesen empadroadas nalgún concello da provincia de Pontevedra, as persoas tiñan que ser maiores de 50 anos (ter nacido antes do 1 de xaneiro de 1967) e, no caso de ter nacido con posterioridade, ter a condición de pensionista, un grao de diversidade funcional igual ou superior ao 65 % ou, ademais, precisar dun respiro familiar (coa acreditación conveniente).

A Deputación de Pontevedra destinou este ano 102.000 euros a "DepoTermal" para que máis de catro mil persoas da provincia poidan participar, sendo 434 delas prazas gratuítas, unha novidade que se introduciu a partir da convocatoria de 2.016 para persoas en situación ou risco de exclusión social e sen recursos económicos. Estas persoas, ademais, teñen preferencia sobre as demais á hora de establecer o reparto das prazas.

O programa divídese en dúas posibilidades de asistencia, a diúrna (durante cinco días consecutivos, de luns a venres) conta con máis de mil duascentas prazas, 248 delas gratuítas e o resto subvencionadas. O programa de estadía en réxime completo inclúe máis de tres mil prazas, 186 delas gratuítas. Esta, ademais da asistencia aos establecementos durante seis días e cinco noites, inclúe un programa de actividades de animación sociocultural.

"Depotermal", que inclúe un total de doce establecementos en toda a provincia de Pontevedra, ten por obxectivos fomentar o envellecemento activo e a mellora da calidade de vida das persoas maiores ao facilitarlles que accedan ao turismo de saúde, xa que doutro xeito non poderían beneficiarse da súa dobre función de vacacións e de tratamento sanitario.


Novas relacionadas

DepoTermal

27 agosto 2017, o grove, digna rivas, xuventude, depo, depotermal, illa da toxa, hotel spa norat o grove