Noticias

A Deputación de Pontevedra xa dispón do anteproxecto para humanizar a estrada de Almofrei, que contará con tres tramos de sendas peonís e dous de plataforma elevada

Gregorio Agís, deputado de Infraestruturas: "Cumprimos ao 100 % con todos os compromisos e deseñamos unha obra de altísima calidade para corrixir os graves defectos que imposibilitaban a execución do anterior proxecto"


24 febreiro 2021

A Deputación cumpre ao milímetro os compromisos alcanzados co Concello de Cerdedo-Cotobade para humanizar a estrada provincial EP-0405 entre Xesteira e Almofrei. O anteproxecto técnico, cun investimento previsto duns 900.000 euros, acaba de ser rematado estes días e deseña unha ambiciosa obra que inclúe tres tramos con sendas de 2,50 metros de anchura e dous de plataforma elevada de convivencia e preferencia peonil ao paso polos núcleos rurais.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, destacou que se trata dunha obra de altísima calidade, que corrixe o primeiro proxecto, paralizado no ano 2016 polos graves defectos detectados polos servizos técnicos provinciais, que desaconsellaron a licitación da obra ante as importantes deficiencias nos planos, a falta de permisos sectoriais da Xunta de Galicia e, finalmente, unha desacertada ampliación da plataforma ata 9 metros de sección sen incluír ningunha medida de mellora de seguridade viaria e mobilidade peonil. Posteriormente, cando puido retomarse o proxecto de Almofrei, foi o propio Concello de Cerdedo-Cotobade quen priorizou a obra de humanización do núcleo da Chan no calendario de grandes investimentos da Deputación de Pontevedra.

O deputado de Infraestruturas lembrou que foi no mes de febreiro de 2020 cando mantivo unha xuntanza co alcalde, Jorge Cubela, na que se lle informou sobre a decisión de comezar desde cero para elaborar un proxecto integral e que solucionase tamén a mobilidade peonil e ciclista. O alcalde amosou a súa total conformidade. O anteproxecto, que acaba de ser entregado á Deputación, foi adxudicado á consultora Proyestegal o 2 de xuño pasado. Agís adiantou que, diante da envergadura da actuación que incrementa en torno a un 42 % o investimento previsto con respecto ao anterior trazado, a Deputación vaina executar en varias fases. A priorización será acordada co Concello, nun proceso de diálogo, como se ten feito desde o principio.

Co novo proxecto, a Deputación transformará a totalidade do trazado, de 1,5 quilómetros, cando co anterior tan só se actuaba nos 750 metros da parte final do percorrido, é dicir, xustamente na metade. "Era unha obra completamente irracional, que non cumpría cos criterios da nova Deputación e que estaba pensada para que os coches puideran correr máis, porque non incluía nin un só metro de sendas peonís, nin ningunha medida de calmado de tráfico", explicou o deputado. A maiores, detectáronse estraños erros na xestión dos terreos, pois chegáronse a expropiar parcelas que non eran necesarios, mentres outras que están afectadas, a día de hoxe, non figuran como dispoñibles.

O deseño converte a estrada Xesteira-Almofrei nun auténtico eixe integral de comunicacións onde as e os peóns teñen prioridade, seguido de ciclistas, o transporte público e, finalmente, o transporte en vehículo privado. Boa proba disto é a inclusión de tres tramos de sendas peonís que totalizan ata 842 metros de lonxitude, dúas plataformas elevadas de convivencia que suman 280 metros e preferencia peonil ao paso polos núcleos e, finalmente, un tramo inicial de 380 metros dotado con cuneta tendida transitable.

A estrada queda dividida en seis sectores. Ata o p. q. 0+380 contará cunha plataforma de 7,50 metros de anchura con carrís de 2,75 metros, beiravías de 0,50 metros e a cuneta transitable cun ancho dun metro polo lado do desmonte. O seguinte tramo ata o p. q. 0+750 inclúe os primeiros 370 metros de senda peonil de 2,50 metros de anchura. A partir de aquí ata o p. q. 0+900 execútase a primeira plataforma de prioridade peonil, que estará sobreelevada 12 centímetros sobre o asfalto e axustarase ás aliñacións das vivendas e peches. Estará acabada en formigón coloreado con bandas transversais de pedra. Ata o p. q. 1+050 volve a senda peonil. Ata o p. q. 1+180 execútase a segunda plataforma elevada coas mesmas características que a primeira. Finalmente, inclúese un último tramo de senda peonil de 322 metros máis ata o remate no p. q. 1+502. As obras contemplarán redutores físicos de velocidade en toda a actuación e nova sinalización horizontal e vertical. Todo o trazado contará cunha nova rede soterrada de recollida de augas pluviais, ademais da preinstalación para a rede de iluminación pública, e a reposición de todos os servizos afectados.