Noticias

A Deputación de Pontevedra impulsa un proxecto dun millón de euros para a estrada de Almofrei e comunica ao Concello de Cerdedo-Cotobade a disposición a asinar o convenio

As obras, pendentes agora dos trámites municipais para a obtención de terreos, porán en valor a totalidade dos 1,5 Km do trazado establecendo itinerarios peonís seguros


23 xuño 2021
Almofrei

Un gran proxecto, valorado en 957.890 euros, transformará a estrada provincial EP-0405 entre Xesteira e Almofrei, creando vías seguras para as peoas e para os peóns na totalidade do trazado que inclúen espazos de convivencia con plataformas elevadas nos puntos de maior presión residencial. Unha actuación ambiciosa e encadrada dentro do modelo de mobilidade segura do século XXI da Deputación. Así o adiantou hoxe o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, na xuntanza que mantivo co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a quen amosou e entregou o proxecto de planta que recolle tódolos terreos necesarios cuxa obtención debe xestionar o Concello.

A Deputación finaliza así a tramitación e está en disposición de asinar o convenio de financiamento da actuación. De acordo co Decálogo de actuacións nas estradas provinciais, incluirá un 70 % de achega da Deputación e un 30 % para o Concello, ao incluír servizos e dotacións de competencia municipal  e ter un contido que vai máis alá da conservación e mantemento. Ademais, ambas partes acordaron durante a xuntanza que a obra executarase nunha única fase. Nun ambiente de cordialidade e cooperación institucional, Jorge Cubela, manifestou a súa satisfacción co proxecto elaborado pola Deputación e recalcou que cumpre completamente co acordado durante as conversas mantidas ao longo dos últimos meses. A este respecto anticipou que "se pon a traballar" para cumprir a parte que corresponde ao Concello para a consecución dos terreos que falta por obter, de acordo cos planos que xa están no seu poder.

Por outra banda, o deputado Gregorio Agís suxeriu ao alcalde de Cerdedo-Cotobade que este Concello proceda á aprobación dun Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS), como teñen feito a maioría de concellos da provincia. Este documento resulta necesario para poder optar a fondos europeos na financiamento desta obra, algo que a Deputación xa conseguiu, en colaboración cos concellos de Redondela e Poio, para as obras das estradas dos Valos-Guizán e Campelo, respectivamente. Agís recalcou o compromiso da Deputación con todo o territorio provincial, a partir da colaboración cos concellos, para a progresiva transformación da extensa rede provincial de estradas, con case 1.700 Km. Neste senso, explicou que a EP-0405 conta cunha Intensidade Media Diaria de 484 vehículos segundo o último Plan de capacidades da Deputación.

O deseño presentado hoxe converte a estrada entre Xesteira e Almofrei nun auténtico eixe integral de mobilidade nos que as e os peóns teñen prioridade, seguidos dos ciclistas, o transporte público e, finalmente, o transporte en vehículo privado. Boa proba disto é a inclusión de tres tramos de sendas peonís que totalizan ata 842 metros de lonxitude, dúas plataformas elevadas de convivencia que suman outros 280 metros e preferencia peonil ao paso polos núcleos e, finalmente, un tramo inicial de 380 metros dotado con cuneta tendida que tamén ofrece boas condicións para o tránsito peonil.

A estrada queda dividida no proxecto presentado hoxe en seis sectores ben diferenciados: ata o p. q. 0+380 contará cunha plataforma de 7,50 metros de anchura con carrís de 2,75 metros, beiravías de 0,50 metros e a cuneta transitable cun ancho dun metro polo lado do desmonte. O seguinte tramo ata o p. q. 0+750 inclúe os primeiros 370 metros de senda peonil de 2,50 metros de anchura. A partir de aquí ata o 0+900 execútase a primeira plataforma de prioridade peonil, que estará sobreelevada 12 centímetros sobre o asfalto e axustarase ás aliñacións das vivendas e peches. Estará acabada en formigón coloreado con bandas transversais de pedra. Ata o p. q. 1+050 volve a senda peonil. Ata o p. q. 1+180 execútase a segunda plataforma elevada coas mesmas características que a primeira. Finalmente, inclúese un último tramo de senda peonil de 322 metros máis ata o remate no p. q. 1+502 no campo da festa de Almofrei. As obras incluirán redutores físicos de velocidade en toda a actuación e nova sinalización horizontal e vertical. Todo o trazado contará cunha nova rede soterrada de recollida de augas pluviais. Ademais, contará con preinstalación para a rede de iluminación pública, así como a reposición de todos os servizos afectados.