Noticias

A Deputación remata o pintado de varias estradas provinciais nos concellos de Portas e Cuntis

Os traballos permitiron o remarcado de 11,186 quilómetros de sinalización horizontal


01 setembro 2017
EP-8405

A Deputación acaba de rematar o pintado de varias estradas nos concellos de Portas e Cuntis durante a última semana, completando este tipo de actuacións na case totalidade das vías de titularidade provincial da comarca de Caldas, quedando pendentes tan só as do Concello de Campo Lameiro, que se acometerán en vindeiras semanas, e a rúa do Parque en Caldas de Reis na que xa se está actuando.

No Concello de Cuntis, na última semana realizouse o remarcado das estradas provinciais EP-8403 entre Cuntis-Alto da Cruz, cunha lonxitude de 4,631 quilómetros; na EP-8404 entre Piñeiro-Arcos, con 4,250 km; e na EP-8405, entre Portela-Couselo, con 1,265 km. No Concello de Portas, os traballos de resinalización realizáronse na EP-8102, entre Briallos e Portas do Conde, cunha lonxitude de 0,960 quilómetros.

Convén lembrar que os traballos de mellora da sinalización horizontal foron contratados polo Departamento de Mobilidade da Deputación co obxectivo de fomentar a mobilidade sustentable e a seguranza viaria como eixos clave. A intención é pintar as vías (liñas lonxitudinais, aparcamentos, illotes, cebreados, pasos de peóns) que nunca tiveron marcas viarias e renovar o pintado naquelas nas que polo paso do tempo e o uso xa estean desgastadas.

Os traballos de pintado de vías contratados pola institución provincial na comarca de Caldas xa se finalizaran en varias estradas do Concello de Caldas de Reis, concretamente na que une Caldas-Carracedo-Catoira; Caldas-San Clemente; e N550-Paradela de Bemil; en dúas do Concello de Moraña, a que une Moraña-Santa Xusta-Couso; e Moraña-Souto-Sequeril; nunha estrada en Cuntis, a que une Cuntis-Cequeril; en tres no Concello de Valga, Valga-Martores; Valga-Baño; e Forno-Cernadas; a vía Porto-Valeiros no Concello de Pontecesures, e nas tres estradas provinciais no Concello de Catoira, Catoira-San Salvador, Catoira-Torres do Oeste; e Dimo-Coaxe.

O Plan de mellora do pintado da rede viaria provincial promovido polo Departamento de Mobilidade que dirixe Uxío Benítez beneficiará a 226 estradas de titularidade da Deputación, o que supón case as tres cuartas partes do total, cunha lonxitude de 2.577 quilómetros de pintados. Tivo un orzamento xenérico de saída de 1,7 millóns de euros.