Noticias

A Deputación de Pontevedra promove, por vez primeira, unha convocatoria de subvencións para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia machista

Esta nova liña de axudas da institución provincial destinará 85.000 € a entidades sociais sen ánimo de lucro que promovan a igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a violencia machista


03 abr 2016

O novo goberno da Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, ten como un dos seus principais obxectivos a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a loita contra a violencia machista. Por ese motivo nace esta nova convocatoria de subvencións, a primeira da institución provincial, que destinará 85.000 € a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que desenvolven proxectos, programas e actividades para conseguir que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva e fomentar medidas de protección integral contra a violencia machista durante 2016. A contía máxima que recibirá cada unha das entidades non poderá superar os 6.000 €.

Para poder optar á subvención as entidades sen fins de lucro, con razón social ou delegación na provincia de Pontevedra, deben estar inscritas na área de igualdade do rexistro único de entidades sociais da Xunta de Galicia, non estar incursas en supostos de incapacidade ou incompatibilidade e estar ao corrente das súas obrigas tributarias.

Poderán presentarse para o seu financiamento proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero, así como de atención integral a vítimas de violencia machista, fillas, fillos e persoas dependentes ao seu cargo; programas e actuacións destinados a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; proxectos e actividades que favorezan e fomenten a igualdade entre mulleres e homes; proxectos encamiñados á mellora da formación e orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; accións dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral; e campañas de difusión e sensibilización dirixidas á cidadanía en materia de igualdade.

As subvencións serán outorgadas mediante concorrencia competitiva, en función dunha serie de criterios incluídos nas bases da convocatoria, que valorarán, entre outras cuestións, a calidade e o contido do proxecto, a súa incidencia social ou os recursos e a capacidade de xestión da entidade.  

O prazo para a presentación de solicitudes, no Rexistro xeral ou en calquera das oficinas de rexistro da Deputación, será de 30 días naturais, contados a partir da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).