Noticias

Entidades sociais que impulsen a igualdade de oportunidades e a prevención da violencia machista, destinatarias dunha partida de 68.000 € da Deputación de Pontevedra

As axudas van dirixidas a entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia de Pontevedra que desenvolvan no 2017 proxectos, programas e actividades para promover a igualdade efectiva e loitar contra a violencia machista


26 febreiro 2017
Reunión igualdade

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a segunda convocatoria das subvencións para entidades sociais da provincia de Pontevedra que leven a cabo proxectos, programas e actividades para a consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes e a prevención da violencia de xénero na provincia.

A Presidenta da institución provincial, Carmela Silva, subliñou que "se trata da segunda convocatoria deste tipo de subvencións, o ano pasado puxemos en marcha a primeira, que eran inexistentes ata que se constituíu este novo goberno provincial, ao igual que era inexistente o servizo de igualdade". Tamén engadiu Silva que "fronte ós recortes da Xunta de Galicia e do Goberno de España en materia de igualdade nós apostamos por crear un servizo de igualdade e por incrementar o orzamento para apoiar proxectos a favor da igualdade en todos os ámbitos da vida social, política, económica e cultural e da prevención da violencia machista".

En concreto, tal e como afirmou a Presidenta da Deputación de Pontevedra, poderán optar a estas achegas aquelas entidades sociais sen ánimo de lucro que presenten proxectos de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; programas de atención integral a vítimas de violencia machista, fillas, fillos e persoas dependentes ao seu cargo; proxectos e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; programas e actividades que favorezan e fomenten a igualdade entre mulleres e homes; iniciativas encamiñadas á mellora da formación e orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; accións dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e campañas de difusión e sensibilización da cidadanía en materia de igualdade.

As entidades que presenten a solicitude, cuxo prazo rematará en 30 días naturais contados a partir da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO, poderán optar a unha subvención máxima de 6.000 €.

A estas achegas,aprobadas esta semana, hai que sumar os 200.000 € que a institución provincial puxo en marcha xa para os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes que leven a cabo actividades para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a prevención da violencia machista.

Máis información: BOPPO 20/02/2017