Noticias

A Deputación presenta en Caldas de Reis a campaña de Igualdade que realizará en PortAmérica aos colectivos de profesionais chamados a intervir

Persoal do Concello, do CIM, do Xulgado, de Protección Civil, da Garda Civil e da Policía Local coñeceron os detalles da campaña "#LEMBRAEUDECIDOTIRESPECTAS, #CONTACOMIGOEURESPECTOTE"


05 xullo 2018
Campaña de igualdade en PortAmérica

Enmarcada nas accións da campaña de Igualdade que a Deputación de Pontevedra levará a cabo este verán en todos os Festivais #RíasBaixasFests, entre os que se atopa PortAmérica, o Concello de Caldas de Reis acolleu esta semana no salón de plenos a reunión informativa na que se presentou a campaña "#LEMBRAEUDECIDOTIRESPECTAS, #CONTACOMIGOEURESPECTOTE", para previr as violacións en cita e as agresións por submisión química, promovida pola institución provincial e que se levará a cabo por segundo ano consecutivo.

Na reunión participaron todas aquelas persoas profesionais que velarán polo normal desenvolvemento do festival e garantir a seguridade de todas e de todos, como persoal do Concello de Caldas, do CIM, de Protección Civil, do Xulgado, da Garda Civil e da Policía Local. No encontro, técnicas do Servizo de igualdade da Deputación de Pontevedra e as coordinadoras do equipo de axentes de igualdade, que dinamizará a campaña en PortAmérica, presentaron o plan de traballo e facilitaron os diferentes materiais que se entregarán ás persoas asistentes.

Tamén se analizou a resposta a hora de intervir nestes supostos, as pautas de atención a posibles vítimas, así como os problemas que se atopan as e os profesionais á hora de intervir. Igualmente, facilitáronse recomendacións para una axeitada atención, sempre desde una perspectiva de xénero, ás vítimas deste tipo de delitos. Tamén fíxose un balance da pasada edición, sendo positiva a valoración por parte das persoas asistentes coñecedoras da campaña, así como a necesidade e a importancia de poñer en marcha iniciativas deste tipo.

O Goberno de Carmela Silva ten previsto realizar estas accións informativas e de coordinación cos colectivos de atención ao público nos seis concellos restantes nos que se levaran a cabo os RiasBaixasFest, co fin de proporcionar ferramentas e desenvolver protocolos de colaboración e coordinación ante unha posible agresión sexual.