Noticias

A Deputación de Pontevedra preparou este ano a preto de 60 inmigrantes coas clases de español para superar o exame DELE A2

As alumnas e alumnos do terceiro e último curso deste ano, que o deputado Carlos Font clausurou hoxe en Vigo, farán a proba o venres 22 de novembro e o sábado 23


19 novembro 2019
Clases de español para inmigrantes

O deputado provincial Carlos López Font clausurou hoxe en Vigo o terceiro e último curso de español para inmigrantes organizado este ano pola Deputación de Pontevedra. Esta é unha actividade formativa que está encamiñada a que as persoas participantes poidan examinarse da proba DELE A2 (Diploma de Español como Lingua Estranxeira, nivel A2), un requisito imprescindible para que logo poidan obter a nacionalidade española. En total, este ano a institución provincial formou a 55 persoas para a preparación deste exame.

No que atinxe a este terceiro curso, que tivo lugar na sede da Deputación en Vigo, participaron 15 persoas, que farán a proba os vindeiros venres e sábado, 22 e 23 de novembro, na Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, examinados por persoal do Instituto Cervantes. A Deputación organiza e subvenciona integramente este curso, así como o custo da matrícula no DELE, dando resposta á dificultade do acceso a estes exames por un determinado sector da poboación, que ve complicado o seu proceso de integración na provincia como cidadanía de pleno dereito.

López Font animou ás persoas asistentes ao curso nesta recta final antes da proba e lembroulles que o alumnado dos anteriores dous cursos realizados este ano en Pontevedra e Vigo tivo uns excelentes resultados na convocatoria do exame que tivo lugar en setembro. Así, o 91 % das alumnas e alumnos que se presentaron aprobou a proba (das 40 persoas que fixeron o curso presentáronse 35 e o superaron 32). "É un resultado moi positivo –comentou López Font–, sobre todo ao ter en conta que as persoas que se presentan a estes cursos teñen que compatibilizar a formación e os estudos co seu traballo ou as súas cargas familiares, para as que non teñen apoio". Neste senso, a través destas accións formativas, a Deputación de Pontevedra presta o apoio na consecución da titulación á poboación de países ou territorios non hispanoparlantes, "favorecendo o seu proceso de integración".

A maioría das persoas que realizaron este terceiro curso en Vigo proveñen de Marrocos, seguidas de cidadás e cidadáns de Senegal e Nixeria. No que se refire aos outros dous cursos anteriores realizados en Pontevedra e Vigo, a maioría das 40 persoas asistentes foron mulleres. Na cidade pontevedresa, a meirande parte das persoas proviña de Marrocos, aínda que tamén houbo alumnado procedente de Brasil, Rusia, Palestina e Ghana. E no primeiro curso en Vigo, a maioría das persoas participantes foron de Senegal, seguidas de cidadás e cidadáns de Marrocos, Brasil, Rusia, Ucraína, Angola e Irán.

Este foi o terceiro ano en que a Deputación de Pontevedra organiza estes cursos, cun total de 60 prazas ofertadas. As persoas destinatarias son inmigrantes en situación administrativa regular e maiores de 16 anos, que precisan preparar o exame DELE A2 para a posterior obtención da nacionalidade española.