Noticias

A Deputación de Pontevedra esgota en catro días as prazas ofertadas para os cursos gratuítos de español para persoas inmigrantes

En total a institución provincial ofertou 60 prazas para os cursos que se cubriron nos catro primeiros días despois de recibir máis do dobre de solicitudes que as prazas dispoñibles


04 maio 2019
Cursos gratuítos de español para persoas inmigrantes

A Deputación de Pontevedra cubriu en menos de catro días as 60 prazas ofertadas para os tres cursos gratuítos de español para persoas inmigrantes que terán lugar entre maio e novembro. Mediante estes cursos, que tiveron unha demanda do dobre de solicitudes que prazas dispoñibles, prepáranse ás e aos participantes para a obtención do diploma DELE A2, expedido polo Instituto Cervantes para acadar a nacionalidade española. 

Para obter o DELE A2 é necesario superar unha proba que precisa dunha preparación previa, cun custo económico, que dificulta o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación, impedíndolle o seu proceso de integración na provincia e favorecendo procesos de exclusión social. Deste xeito, a Deputación con estes cursos gratuítos pretende facilitar que todas as persoas inmigrantes, maiores de 16 anos en situación administrativa regular, teñan a posibilidade de acceder ao DELE A2 para obter a nacionalidade española.

Os cursos, que serán integramente subvencionados pola Deputación incluíndo o custo de matrícula do DELE, serán impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo. En xeral, mediante esta formación prepararase ás persoas inmigrantes para poder realizar probas de compresión de lectura, de comprensión auditiva, de expresión e interacción escrita e oral.

A primeira edición dos cursos de español para persoas inmigrantes terá lugar no Edificio Administrativo do Pazo provincial de Pontevedra do 20 de maio ao 4 de xuño. A segunda edición será na sede da Deputación en Vigo tamén do 20 de maio ao 4 de xuño e a terceira e última edición, tamén na sede de Vigo, terá lugar entre os días 11 e 26 de setembro.