Noticias

A Deputación organiza este xoves en Cangas unha obra de Paula Quintas no marco do programa "Mulleres en acción: violencia zero"

A través deste proxecto que organiza o goberno de Carmela Silva conxuntamente cos concellos promóvese a loita contra a lacra social da violencia machista


09 agosto 2017
Mulleres en acción

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, e o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos Varela, asistirá este xoves, 10 de agosto, ás 21:00 horas, na praza das Pontes, a unha nova intervención artística organizada polo programa "Mulleres en acción: violencia zero", que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra a violencia machista, así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

A bailarina e funámbula circense, Paula Quintas, actuará en Cangas cun proxecto escénico no que reflexiona sobre as ideas do mundo plástico, a cirurxía, as iconas, a sexualidade e o corpo-imaxe.

Paula Quintas, nacida en Ourense, actualmente traballa en España e no estranxeiro como freelance. Como artista está relacionada coas compañías TrasPediante (Galicia), Dizzy Ou' Dare (Inglaterra), Voltage Opposites (Galicia) e Cía Projecto C-F Dance (Galicia), onde explora novos códigos corporais dentro dunha combinación de danza, circo e instalación visual e sonora.

"Mulleres en acción: violencia zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades coma son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta segunda edición do programa comezou en novembro do ano pasado en conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller e ten previsto recalar ó longo do ano en 25 concellos de toda a provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).