Noticias

A Deputación mellorará as marxes dun treito da estrada provincial EP-9509 da parroquia de Sisán en Ribadumia

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez sinala que a actuación habilitará as beiravías, instalarase drenaxe de pluviais e mellorarase o firme


21 xaneiro 2019
Estrada EP-9509 en Sisán

O Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai realizar unha mellora nas marxes dun treito da estrada provincial EP-9509 ao seu paso polos lugares de Tabueiro e de Sinsela, na parroquia de Sisán dentro do concello de Ribadumia. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a actuación incluirá a reforma das beiravías, unha nova rede de recollida de augas pluviais e a renovación do firme.

O responsable do Servizo de Mobilidade destaca que estas obras foron solicitadas polo Concello de Ribadumia, que incluso se encargou da redacción do proxecto. O obxectivo é mellorar as marxes dun treito de pouca sección onde as beiravías non son axeitadas: hai soleiras de formigón nas frontes das vivendas, outras non teñen pavimentación e outros tramos só dispoñen de cunetas. De feito, a pesar de seren unha zona con varias vivendas unifamiliares, a estrada carece de condicións cómodas e seguras para o paso das e os peóns, así como dun sistema efectivo de recollida de augas pluviais, que agora discorren libremente pola calzada.

As obras, explica Benítez, realizaranse nas dúas marxes da estrada provincial, nunha lonxitude duns 450 metros por un lado e en 175 pola outra banda. Crearase unha cuneta en formigón de anchura variable en función do espazo dispoñible entre o bordo da calzada e a liña de peches das casas existentes, xa que non hai dimensión suficiente para a creación dunha senda das características dos criterios provinciais (mínimo de 2,5 metros de largo). Prevese a instalación de pozos de rexistro e arquetas para evacuar a auga recollida, ademais de rehabilitar o firme da zona.

Segundo apunta o responsable nacionalista o Orzamento desta actuación ascende a 75.850 euros e deberá estar rematada nun prazo de tres meses desde o seu inicio. Nestes momentos o proxecto está en fase de licitación, estando aberto o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.