Noticias

A Deputación inicia a vindeira semana as obras de mellora das marxes da estrada provincial EP-9509 en Sisán Ribadumia

A actuación permitirá habilitar as beiravías para o tránsito de peóns e a drenaxe de pluviais e mellorará o firme


03 maio 2019
Sisan Ribadumia

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra iniciará a vindeira semana a mellora nas marxes dun treito da estrada provincial EP-9509 ao seu paso polos lugares de Taboeiros e de Sisenla, na parroquia de Sisán dentro do concello de Ribadumia. A actuación incluirá a reforma das beiravías, unha nova rede de recollida de augas pluviais e a renovación do firme.

O obxectivo é mellorar as marxes dun treito de pouca sección onde as beiravías non son adecuadas: hai soleiras de formigón nas frontes das vivendas, outras non teñen pavimentación e outros tramos só dispoñen de cunetas. De feito, a pesares de seren unha zona con varias vivendas unifamiliares, a estrada carece de condicións cómodas e seguras para o paso de peóns, así como dun sistema efectivo de recollida de augas pluviais, que agora discorren libremente pola calzada.

As obras realizaranse nas dúas marxes da estrada provincial, nunha lonxitude duns 450 metros por un lado e en 175 pola outra banda. Crearase unha cuneta en formigón de anchura variable en función do espazo dispoñible entre o bordo da calzada e a liña de peches das casas existentes, xa que non hai dimensión suficiente para a creación dunha senda das características dos criterios provinciais (mínimo de 2,5 metros de largo). Prevese a instalación de pozos de rexistro e arquetas para evacuar a auga recollida, ademais de rehabilitar o firme da zona.

O orzamento desta actuación ascende a 75.850 euros e deberá estar rematada nun prazo de tres meses desde o seu inicio.


Novas relacionadas