Noticias

A Deputación mellorará a capa de rodaxe de catro estradas na comarca do Salnés

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que o obxectivo é aplicar un tratamento antiescorregadizo para mellorar a seguranza viaria


09 outubro 2017
mellora da rodadura

A Deputación de Pontevedra vai mellorar a capa de rodaxe de varios treitos de catro estradas na comarca do Salnés, nos concellos do Grove, Meaño e Meis. A intención, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, é aumentar a adherencia das vías mediante a execución dunha capa de tratamento antiescorregadizo, acadando unha mellora notable da seguranza viaria.

Os servizos técnicos da Deputación consideraron necesario realizar as actuacións na EP-9103 entre Rampa-Meloxo, no Concello do Grove, desde o punto quilométrico 0+260 ata o 0+680; na EP-9305 entre Coirón-Ribadumia-Leiro, no Concello de Meaño, desde o punto quilométrico 1+950 ata o 2+450; e no Concello de Meis, na estrada EP-9402 entre Mosteiro-Barrantes, entre os puntos quilométricos 1+170 a 1+290 e o 1+884 ao 1+984, así como na EP-9405 San Martiño-A Armenteira-O Busto, desde o punto quilométrico 0+358 ao 0+497.

O orzamento para facer estes traballos, nos que tamén se inclúen outros dous treitos de estradas en Mos e A Cañiza, ascende a 53.259,94 euros. Os traballos terán que estar executados nun prazo dun mes a partir da data de reformulación.

Este tipo de melloras e actuacións de mantemento dos firmes das estradas provinciais realizarase a partir de 2018 a través dun novo contrato marco que permitirá axilizar as contratacións para, unha vez detectadas deficiencias nos asfaltados, poder realizar os traballos de acondicionamento sen ter que pasar por un longo procedemento administrativo.

Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, trátase da primeira vez que a Deputación de Pontevedra pon en marcha un acordo marco que permitirá realizar actuacións puntuais nas estradas provinciais (corrixir pavimentos escorregadizos, fendas, afundimentos ou peraltes defectuosos, entre outras) de xeito eficiente, planificado, áxil e con garantías administrativas.

En virtude dese acordo marco para executar o Plan de Rehabilitación de firmes, a provincia dividirase en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes serán as responsables da execución de todas e cada unha das obras necesarias en cada área. O lote cinco, que corresponde coa comarca do Salnés e parte da de Caldas incluirá aos concellos de Valga, Pontecesures, Catoira, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa, e terá un orzamento para 2018 de 699.868,86 euros.