Noticias

A Deputación de Pontevedra mellora o firme de catro estradas provinciais en Pazos de Borbén

O deputado Uxío Benítez explica que os traballos enmárcanse dentro do Plan de conservación do Departamento de Mobilidade


10 setembro 2018
Mellora den estradas en Pazos de Borbén

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a realizar obras de saneo e mellora do firme en catro estradas provinciais dentro do concello de Pazos de Borbén: a EP-2701 Pazos-Hermida, a EP-2703 Pazos-Ponteareas, a EP-2704 Sequeiros-Cuartos de Borbén e a EP-2705 entre Pazos-Borbén. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a actuación está enmarcada dentro do Plan de conservación de firmes e supón a mellora puntual de algúns treitos e áreas que estaban en mal estado e que suman 46.200 metros cadrados.

Esta actuación iniciouse tras os informes técnicos do persoal da Deputación ao detectar pequenas irregularidades nas estradas, tales como levantamentos, fochancas, fendas e cuarteados. Ata o de agora realizáronse os traballos de fresado e asfaltado, aplicando tamén unha capa de tratamento antiescorregadizo para evitar os esvaramentos dados os problemas de xeadas que hai no interior da provincia. Estase agora, cando o firme está totalmente consolidado, a realizar o repintado da sinalización horizontal.

Coa mellora do firme na EP-9704 continúanse as actuacións iniciadas a principios de verán ao abeiro do novo modelo de conservación de firmes da Deputación na zona do Salnés. O novo contrato marco anual de conservación que se está a aplicar supón na práctica unha xestión máis eficiente, planificada e áxil para realizar obras puntuais e urxentes nas vías de titularidade provincial cando se detectan deficiencias en calquera dos firmes da rede provincial por parte do persoal da Deputación.

A estrada con máis superficie mellorada dentro do concello será a Pazos-Ponteareas, cun total de 22.200 metros cadrados de novo asfaltado; seguida por a Pazos Hermida, con 15.500 metros cadrados; Sequeiros-Cuartos de Borbén, con 5.500 metros cadrados; e Pazos-Borbén, con 3.500 metros cadrados.

Hai que lembrar que o Departamento de Mobilidade está a realizar unha batida de renovación da rede viaria por toda a provincia a través do novo contrato marco do Plan de conservación, que ten un orzamento de 4,4 millóns de euros anuais. Esta fórmula de contratación para realizar melloras de firmes supón unha xestión máis eficiente, planificada e áxil para realizar obras puntuais e urxentes nas vías de titularidade provincial cando se detectan deficiencias.

Co novo plan de mellora de asfaltados a provincia divídese en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes son as responsables das obras. Á zona do interior correspóndelle o lote número dous, que inclúe os concellos de Ponte Caldelas, A Lama, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Redondela, Soutomaior, Ponteareas, Salvaterra de Miño, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente, cun investimento de 711.896,06 € e adxudicación para Obras, Caminos y Asfaltos S. A.