Noticias

A Deputación de Pontevedra lanza o III Plan de Dinamización dos Viveiros de Empresas

A Fundación Roberto Rivas volve a colaborar coa institución provincial na promoción dos espazos de emprendemento coa posta en marcha de novas accións formativas


09 abril 2021
Terceiro Plan de Dinamización de Viveiros de Empresas

Co obxectivo de seguir a potenciar os viveiros de empresas de Barro e Lalín, a Deputación de Pontevedra lanza o III Plan de Dinamización, ao que destinará máis de 27.600 euros, que nesta edición estará enfocado a ofertar nunha carteira de servizos que dean valor engadido aos proxectos que xa se atopan nos viveiros, ademais de emprender novas accións para o fomento do emprendemento e a posta en marcha de iniciativas innovadoras e sostibles.

Tanto o Viveiro de Barro como o de Lalín contan xa cun alto número de empresas nas súas instalacións que, con este III Plan de Dinamización, traballarán tamén no compromiso da Deputación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que estarán presentes no deseño, implementación, contido e avaliación de todas as accións que se leven a cabo.

Á consecución destes obxectivos súmase un ano máis a Fundación Roberto Rivas, que colaborará co ente provincial participando ao través dun convenio en varias das accións formativas do proxecto, de maneira máis específica na comarca de Deza. Tanto a Deputación como a Fundación Roberto Rivas consideran prioritario o fomento do emprendemento na provincia así como a aposta por iniciativas que dean prioridade á sustentabilidade e o desenvolvemento comunitario e rural.

Actividades formativas

Para acadar as metas propostas levaranse a cabo oito accións formativas no marco deste III Plan de Dinamización dos Viveiros. A achega da Fundación Roberto Rivas empregarase para cofinanciar un Programa de Apoio ao Emprendemento Rural, que se realizará en liña; o espazo "Territorios emprendedores", un punto de encontro no que debater, experimentar e innovar desde e para o territorio; a acción divulgativa "ODS e empresa: aposta de futuro"; e a sesión "Pensando en circular. Deseño de produtos/servizos", na que se abordarán temas como a economía circular e o eco-deseño. Ademais, a Fundación participará de xeito activo na campaña promocional "Descubre o espazo interior" e na acción "Coñece os Viveiros", organizando unha visita-coloquio ao Viveiro de Lalín.

Dentro deste plan de dinamización tamén se levarán a cabo unha "Atención aos viveiristas: seguimento e apoio ao proxecto emprendedor" así como actividades de apoio e colaboración con outras entidades.