Noticias

A Deputación investirá máis de 2,4 millóns de euros en Poio para mellorar a seguranza viaria e a mobilidade peonil en Campelo

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou hoxe dous novos convenios co Concello para reformar tanto a estrada provincial EP-0601 como a rúa Pai Avelino


04 abril 2018
Campelo

"Hoxe é un día histórico para o Concello de Poio e para a veciñanza de Campelo". Así o dixo o deputado de Mobilidade Uxío Benítez na súa visita de hoxe ao Concello de Poio, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra e o Goberno local asinarán dous convenios de colaboración para executar dous novos proxectos que mellorarán a seguranza viaria e a mobilidade peonil na zona de Campelo cun investimento que supera os 2.400.000 euros.

O deputado nacionalista explicou que as actuacións conveniadas abarcarán non só os 1,8 quilómetros da estrada provincial EP-0601 Portosanto-Campelo-C-550, desde o seu inicio ata a igrexa de Campelo, senón tamén outros 300 metros correspondentes á estrada provincial EP-0602, coñecida como rúa Pai Avelino, entre a igrexa e o porto de Campelo. Esta última actuación sumarase á que o Concello xa está a executar nestes días na zona do Porto coa construción dun muro e a mellora da plataforma, unha obra financiada con cargo a fondos do Plan Concellos da Deputación e deseñada polo Departamento de Mobilidade provincial.

"Con estas dúas actuacións, a da Deputación e a do Goberno local feita con fondos provinciais que está en marcha, o investimento provincial é de case tres millóns de euros, máis de 2,8 millóns, polo que hoxe é un día importante para o concello: estamos a anunciar unha intervención inmediata e un esforzo económico moi importante", destacou Benítez. O responsable das infraestruturas viarias provincial recoñeceu, de feito, que a mellora da seguranza viaria e da mobilidade peonil en Campelo "é unha necesidade fundamental" pola cantidade de equipamentos existentes e o seu uso por parte da veciñanza, que corre serio risco ao desprazarse a pé, motivo polo que se tomou a determinación de afrontar o custe do investimento de xeito global.

Os proxectos para a estrada de Campelo e para a rúa Pai Avelino están xa finalizados e supoñerán a construción de sendas peonís para garantir un tránsito peonil seguro. O seu deseño final foi posible grazas a que o Concello foi quen de acadar todos os terreos necesarios por vía de cesión. De feito, as certificacións das parcelas xa foron entregadas ao Departamento de Mobilidade por vía dixital. Ademais da mellora da seguranza viaria nas dúas estradas, os proxectos supoñen unha urbanización de toda a contorna, con novos servizos de alumeado público, novo saneamento, e novo sistema de pluviais, entre outros: "Todos os servizos urbanos que unha zona coma esta require", dixo Benítez.

En canto aos próximos pasos a dar para que as obras sexan unha realidade, Benítez explicou que as propostas de convenio xa foron remitidas ao Concello de Poio para a súa aprobación no Pleno da Corporación. Despois serán aprobadas na Xunta de Goberno da Deputación e asinadas publicamente nas vindeiras semanas, co obxectivo de levar os proxectos de modo inmediato ao Departamento de Contratación provincial e iniciar os procesos de licitación e adxudicación. "Queremos que este ano estean as obras xa iniciadas", sentenciou o deputado.

"Obra estrela"

Pola súa banda, o alcalde de Poio Nito Sobral indicou que os proxectos da Deputación para a mellora das dúas estradas (EP-0601 e EP-0602) foron traballados con tempo e van "ser o proxecto estrela e fundamental para a zona de Campelo". O nacionalista agradeceu o esforzo feito pola institución provincial e o Departamento de Mobilidade en particular para que as obras sexan unha realidade en breve e resaltou que "para nós era un obxectivo importante que unha zona urbana como é Campelo contase con seguridade desde o punto de vista do tráfico, dos peóns… porque estamos a falar dun núcleo de poboación bastante denso e que precisaba dunha actuación. Polo tanto, grazas".

A deputada e concelleira Chelo Besada tamén aproveitou o día de hoxe para lembrar que o actual proxecto feito polo Departamento de Mobilidade da Deputación substitúe o encargado polo anterior Goberno de Rafael Louzán, polo que o Concello de Poio tivera que pagar 60.000 euros. "Aquel era un proxecto irrealizable, porque tiña unha plataforma de 16 metros que afectaba a casas, porches, escaleiras… Entón os veciños non estaban dispostos a autorizalo. Tampouco o señor Louzán estaba disposto á expropiación e estivo durante oito anos non ríndose do Goberno de Poio, senón dos veciños e veciñas do lugar", dixo Besada, quen destacou que durante ese tempo a veciñanza "tivo que pasar pola estrada cun perigo terrible de violencia viaria. "Agora nós estamos contentos e agradecidos ao Goberno da Deputación de que este proxecto sexa realizable e se vaia a realizar", finalizou.