Noticias

A Deputación inicia os roteiros literarios cun percorrido pola Illa de San Simón centrado na memoria histórica

Trátase dunha iniciativa, en colaboración coa AELG, coa que se pretende dar a coñecer o patrimonio da provincia a través dunha perspectiva literaria


02 setembro 2017
Roteiros Literarios

Esta mañá, partían do porto de Meirande os e as participantes no primeiro dos roteiros literarios que a Deputación pon en marcha no marco das actividades do Ano do Patrimonio. Este primeiro percorrido, que levaba por título ‘Roteiro da memoria na Illa de San Simón. De Mendiño a O lapis do carpinteiro', estivo guiado polo crítico e escritor Xosé María Álvarez Cáccamo. Ata o punto de partida do roteiro, achegáronse o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e a escritora e membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Marta Dacosta, para dar a benvida ás persoas participantes. O deputado nacionalista quixo aproveitar para salientar que "é moi significativo que comezar esta iniciativa cunha visita tan especial á Illa de San Simón, a nosa Illa da Memoria, que nos permitirá percorrer a través da literatura toda a súa historia, facendo fincapé en cuestións como a lírica medieval ou os campos de concentración que houbo durante a guerra e a posguerra".

O percorrido do roteiro xirou arredor das illas de San Simón e San Antón, e estivo ilustrado con explicacións e comentarios relativos ao significado e valor dos espazos visitados que correron a cargo de Álvarez Cáccamo. O autor tivo en consideración o proceso histórico dos acontecementos que foron acontecendo en ambas illas desde a Idade Media, coa a presenza simbólica do poeta Mendiño e a súa cantiga, a vida monacal, as invasións de Drake, a instalación do lazareto, o uso do recinto como campo de concentración durante a guerra civil e a inmediata posguerra e a súa utilización posterior con diversas finalidades ata hoxe. Neste sentido, Xosé Leal sinalou que "entendemos que o espírito cultural destas visitas vai facer que as persoas que participades poidades gozar dunha nova visión deste espazo a través da perspectiva dun literato". Marta Dacosta explicou ademais que a escolla de Xosé María Álvarez Cáccamo obedeceu, dunha banda, a que "é un poeta de dilatada traxectoria, con amplo recoñecemento e numerosos premios", e por outra, a que "partimos da súa obra O caderno da ira, porque ira é o aínda seguimos sentindo hoxe canto temos que seguir reclamando e loitando para que se recoñeza e se cumpra a Lei de Memoria Histórica".

Ao longo do mes de setembro e comezos de outubro organízanse catro roteiros máis por diversas comarcas da provincia, froito dunha colaboración do ente provincial e a AELG. A este respecto, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, manifestou que " esta iniciativa supón unha nova colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que se suma a outras xa realizadas neste ano, e coas que intentamos avanzar na posta en valor do sistema literario na lingua que nos é propia".

O seguinte roteiro terá lugar en Tui, o sábado 16 de setembro, e leva por título ‘Monte Aloia. Roteiro Aloia máxico, mítico e lendario'. Estará guiado por Vítor Vaqueiro, que fará un percorrido polos mitos e lendas dese enclave. O sábado 23 de setembro en Cangas será a quenda para o ‘Roteiro do patrimonio da cultura mariñeira na literatura de Bernardino Graña, que estará guiado por Héitor Mera. O cuarto dos percorridos, que terá lugar en Cambados o sábado 30, leva por título ‘Roteiro do Centenario Da terra asoballada'. Estará guiado por Ramón Caride Ogando e centrarase na pegada de Cabanillas en lugares significativos de Cambados. E por último, o sábado 7 de outubro, a parroquia estradense de Berres acollerá ‘Roteiro Avelina Valladares, unha muller do tempo dos Precursores', a cargo do autor Xosé Luna Sanmartín.


Novas relacionadas

Roteiro literario Monte Aloia

12 setembro 2017, roteiro, monte aloia, deputación de pontevedra
Memoria histórica

31 outubro 2017, cultura, xosé leal, lingua, memoria histórica, reparación, deputación de pontevedra