Noticias

A Deputación inicia as obras para mellorar a capa de rodaxe da estrada provincial EP-2804 en Fornelos de Montes

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a actuación ten un orzamento de 28.246,09 euros


08 xaneiro 2018
Fornelos de Montes

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra iniciou hoxe os traballos de rehabilitación estrutural do firme dun treito de medio quilómetro na estrada provincial EP-2804 entre Fornelos e Ventín, no termo municipal de Fornelos de Montes. A intención, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, é mellorar a seguranza viaria, obxectivo prioritario da Estratexia de Mobilidade 3.0 do novo Goberno provincial.

A actuación realizarase nun treito de 500 metros, entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+500. Segundo explican os servizos técnicos provinciais, nese ámbito fresarase parte do firme existente, aplicarase unha rega de adherencia, a correspondente nova capa de rodaxe e unha nova capa de material antiescorregadizo para rematar a actuación coa sinalización horizontal. Tamén se realizará unha limpeza e reperfilado das cunetas e as marxes coa roza dos noiros de ata catro metros de altura. O orzamento para facer estes traballos ascende a 28.246,09 euros, e prevese que estean executados nun prazo dun mes.

É preciso lembrar que este tipo de melloras e actuacións de mantemento dos firmes das estradas provinciais realizarase a partir de 2018 a través dun novo contrato marco que permitirá axilizar as licitacións. En virtude dese acordo marco, a provincia dividirase en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes serán as responsables da execución de todas e cada unha das obras necesarias en cada área. O lote no que está o mantemento viario do Concello de Fornelos inclúe tamén os municipios de Ponte Caldelas, A Lama, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Ponteareas, Salvaterra de Miño, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente, cun investimento de 711.896,06 euros.


Novas relacionadas