Noticias

A Deputación elaborará un plan de mobilidade sostible para o núcleo urbano de Ponteareas

Elaborará un estudo que recolla as necesidades deste núcleo de cara a poñer en valor os espazos públicos e promover o seu uso seguro por parte da veciñanza


11 ago 2016
Plan de mobilidade sostible

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a tenente de Alcalde, Chus Garrote, mantiveron unha xuntanza esta mañá de cara a avanzar na materialización das prioridades desta localidade no eido da Mobilidade. Da xuntanza saíu o compromiso entre ambas Administracións de elaborar un Plan de Mobilidade sostible para o conxunto do núcleo urbano de Ponteareas, que analice e dea solución ás necesidades dos espazos públicos, equipamentos e servizos existentes.  

"O que precisamos é un proxecto global e coherente, que evite actuacións illadas e improvisadas" sinalou o alcalde durante a xuntanza. "Temos que ter unha visión ampla e a longo prazo, para que as actuacións que se vaian realizando respondan a unha planificación e a un obxectivo definido", engadiu. Pola súa banda o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, felicitou ao rexedor "pola súa visión" e asegurou que desde o seu departamento "estamos dispostos a realizar estudos de mobilidade sostible sempre e cando os Concellos se comprometan a actuar e seguir os criterios que se contemplan nos mesmos".

Segundo o acordado na xuntanza desta mañá, a Deputación elaborará o Plan atendendo aos criterios de seguranza viaria e mobilidade sostible que vén promovendo a través do Plan Móvese e que procura, entre outros factores, priorizar as persoas antes que os vehículos, promover o uso e desfrute dos espazos públicos por parte da veciñanza, garantir a coexistencia entre os diferentes sistemas de desprazamento,  atender as necesidades dos colectivos máis vulnerables, e acometer actuacións que teñan en conta as singularidades de cada contorna. En conxunto, o obxectivo final é ofrecer unha proposta de actuacións sensatas e racionais que dean como resultado final unha contorna segura e tranquila e, polo tanto, humanizada e amable para coas persoas.

Uxío Benítez e Xosé Represas tamén fixaron uns prazos orientativos para dispoñer do Plan. No mes de setembro acordaron que concretarán a fórmula de colaboración entre Deputación e Concello para dispoñer do Plan de cara a final deste exercicio 2016.