Noticias

A Deputación e once concellos de Pontevedra expoñen a súa aposta polas "cidades d@s nen@s" en Granada

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez sinalou a necesidade de deseñar os espazos públicos para as persoas e subliñou que o organismo provincial traballará como asesor para expandir o 'modelo Pontevedra'


02 xuñ 2016
Granada

Representantes da Deputación de Pontevedra e dos concellos de Tomiño, Catoira, Cambados, Silleda, Redondela, Ponteareas, Lalín, Salceda, Arbo, Vilaboa e Pontevedra expuxeron hoxe no Seminario de Cidades d@s nen@s celebrado en Granada a súa aposta pola filosofía de Francesco Tonucci á hora de deseñar as súas vilas. No encontro compartiron experiencias con participantes doutros corenta concellos e entidades de todo o estado coa finalidade de lograr que os espazos públicos sexan deseñados para os nenos e, por extensión, para os demais cidadáns en lugar de para os coches.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, que falou en nome dos municipios pontevedreses, destacou que a Deputación de Pontevedra vén de cambiar o modelo de mobilidade que se viña aplicando ata hai un ano na provincia. Sinalou que "queremos dar un xiro de 180º ás políticas iniciando unha estratexia de mobilidade sostible que ten como destinatarias ás persoas". Subliñou que se está a traballar en dúas liñas e destacou que a primeira é o traballo nas vías de titularidade provincial, creando espazos de seguridade destinados ás persoas nos núcleos rurais de poboación. Neste sentido citou o Plan Móvese para promover medidas de calmado do tráfico que permitan que os tránsitos peonís se realicen en contornos de convivencia.

Como segunda liña, Benítez salientou que a Deputación quere traballar como elemento de expansión do 'modelo Pontevedra', que Tonucci calificou como a "referencia fundamental" para aplicar os criterios das 'Cidades d@s nen@s'. "Queremos funcionar como asesores, como guías para os concellos e expandir as ideas... servir de interlocutores e impulsores dunha rede provincial de cidades e vilas dos nenos e nenas", salientou, para engadir que "hai que traballar para que tamén se poida aplicar a filosofía Tonucci tamén nos pequenos concellos do rural", dixo. Benítez lembrou que dende o mes de xaneiro, cando a Deputación organizou o primeiro encontro para potenciar unha provincia 'amiga d@s nen@s', xa se teñen adherido formalmente á rede 17 concellos pontevedreses, que a partir de agora irán aplicando actuacións concretas.

Pola súa banda, o vicepresidente provincial, César Mosquera, que participou como representante tanto da Deputación como do Concello de Pontevedra, manifestou que é fundamental a formación dos funcionarios para poder deseñar cidades á medida das crianzas. Subliñou que tras anos de experiencias e conclusións en Pontevedra, a actuación no espazo urbano "ou é unha prioridade e se aplica con decisión firme por parte dos gobernantes ou é difícil cambiar a dinámica". Mosquera destacou que construír unha 'Cidade d@s nen@s' debe facerse de xeito transversal, pero empezando pola área de urbanismo e obras, xa que é un dos departamentos cono maiores competencias dos concellos. "Os gobernantes teñen medo na cabeza, pero hai que aplicar as solucións globalmente e con decisión", finalizou.

Por parte da provincia de Pontevedra estiveron en Granada o vicepresidente Mosquera, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, os deputados Digna Rivas e Santos Héctor, o asesor Jesús Fole, os alcaldes de Catoira, Silleda, Cambados e Tomiño, e concelleiros de Vilaboa, Arbo, Redondela, Ponteareas, Lalín, Pontevedra e Salceda.  Participaron tamén concellos do resto do estado como Granada, Barcelona, Santiago, Narón, Fuerteventura ou Málaga, entre outros. Tamén representantes de entidades e universidades de todo o estado.

O proxecto

 O proxecto 'A cidade dos nenos' naceu en Fano (Italia) en 1991 e traballa cara a unha nova filosofía de goberno da cidade, tomando aos nenos como parámetro e como garantía das necesidades de todos os cidadáns. Desde a súa creación adheríronse 200 cidades de Italia, España, Arxentina, Colombia, México, Uruguai, Perú, Chile e Líbano.

Pretende promover dous aspectos fundamentais na vida dun neno: a súa autonomía e a súa participación. E o que se trata de conseguir, segundo exponse nas súas bases, é que a "Administración baixe os seus ollos ata a altura dun neno, para non perder de vista a ninguén". E engádese: "Unha cidade adecuada aos nenos é unha cidade adecuada para todos".

O Seminario organízase no marco da exposición 'Imaxinar a educación. 50 anos con Frato' e abordou as características, ideas, valores e iniciativas que os concellos deben asumir para sumarse á Rede Internacional. Todo iso a través da exposición de casos de éxito e de experiencias que enriqueceron o encontro con expertos de áreas tan diversas como o urbanismo, o espazo público, a arquitectura, a mobilidade, a cultura ou a educación.

Así mesmo, os asistentes tiveron a oportunidade de visitar a exposición 'IImaxinar a educación. 50 anos con Frato' e coñecer os elementos pedagóxicos que se mostran nela e que están na base da metodoloxía educativa desenvolvida polo pedagogo italiano.

Durante o seminario plantexouse a posibilidade de que Pontevedra sexa a cidade que acolla o próximo seminario da rede internacional.