Noticias

Pontevedra convértese na "provincia Tonucci" entre abril e xuño con visitas do pedagogo, unha exposición retrospectiva e un encontro da rede española de cidades d@s nen@s

O vicepresidente, Mosquera, agradeceulle ao investigador italiano a súa "deferencia especial" por acceder á iniciativa organizada polo departamento de Mobilidade provincial


16 marzo 2017
Presentación da exposición Tonucci

A Deputación de Pontevedra converterá Pontevedra na "provincia Tonucci" entre abril e xuño coa organización de ducias de actividades entre as que destacan unha visita do propio pedagogo italiano –que percorrerá varios comarcas–, unha exposición retrospectiva das súas viñetas e o desenvolvemento dun encontro da rede española de cidades das nenas e dos nenos auspiciada baixo a súa filosofía. A intención é achegarlle ao público a súa visión da infancia, da pedagoxía e dos espazos públicos, que, segundo defende, deben ser deseñados á medida das e dos nenos para que poidan ser aproveitados polo resto da cidadanía.

"Vai ser algo que, pola súa transcendencia e potencia, polas actividades programadas e pola propia presencia de Tonucci, dificilmente sexa comparable a ningunha actuación feita ata agora tanto en Pontevedra ou noutras localidades", subliñou o vicepresidente, Mosquera, quen indicou que o departamento de Mobilidade da Deputación leva traballando desde o ano pasado para poder poñer en marcha todos os eventos.

O evento máis destacable da programación será a exposición "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato", que se desenvolverá entre o 28 de abril e o 11 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra. Terá entre 1.200 e 1.500 metros cadrados e incluirá, entre os elementos expositivos, máis de 60 debuxos orixinais, fotografías, obxectos persoais e publicacións de Tonucci, proxeccións audiovisuais, videomapeamento, espazos participativos e obradoiros didácticos. Ademais, a Deputación ten planificadas actividades complementarias que se concertarán cos centros escolares da provincia, aos que se lles facilitará o traslado dos seus alumnos con autobuses gratuítos.

Na semana do 22 ao 29 de abril, coincidindo coa apertura da mostra, a Deputación organizou a visita do propio pedagogo italiano, que percorrerá a provincia con conferencias, visitas a concellos e outras actividades.

Finalmente, o 25 e 26 de maio, Pontevedra acollerá a reunión anual da rede española de cidades d@s nen@s, que achegará ata a cidade do Lérez máis dun cento de representantes de administracións e entidades de todo o Estado para expoñer o seu traballo, contrastar as súas iniciativas para potenciar a autonomía dos nenos e das nenas no seu espazo público e, sobre todo, para coñecer in situ o coñecido "modelo Pontevedra" enxalzado por Tonucci en todos os seus relatorios polo mundo. "Tonucci é un embaixador de Pontevedra alá onde vai, e esta cidade é un referente que todos queren coñecer para ver como se pode aproveitar a súa experiencia. Nós estamos moi abertos para seguir aprendendo, pero temos avanzado moito en relación a como poden os nenos e as nenas andar por esta cidade", subliñou Mosquera, que lle agradeceu ao pedagogo italiano a súa "deferencia especial" por acceder a participar persoalmente na iniciativa organizada pola Deputación en colaboración co Concello de Pontevedra para esta primavera.

"50 anos con Frato"

A exposición "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato" está estruturada ao redor de 10 ámbitos que axudan a reflexionar e tomar conciencia desde o punto de vista dos nenos e nenas fronte a realidades cotiás coma a escola, a casa, o xogo, a cidade, a aprendizaxe, etc.

‘As viñetas de Frato dannos a Benvida', onde se expoñen algunhas das ilustracións máis representativas do pedagogo italiano, é a área que abre a exposición para dar paso a ‘O mundo de Frato', onde se achega á persoa e ao personaxe a través de debuxos orixinais, fotografías, obxectos, etc. A súa reivindicación sobre a importancia de integrar actividades manuais e oficios na escola tamén se materializa na mostra no espazo ‘Cen mans, cen linguaxes', onde, a través de imaxes e propostas interactivas, se provoca o público a que use as súas mans para pensar, para experimentar.

Séguenlle outros sete ámbitos baseados na participación, a creatividade, a aprendizaxe e a imaxinación. ‘Bicicleta. Espazo para gozar, investigar e aprender' reflicte o valor de liberdade e autonomía, que leva implícito o uso da bicicleta desde a infancia, á vez que se explica o proceso físico e mecánico que permite o movemento; ‘Construcións, pequenas pezas, grandes creacións' é unha zona para dar renda solta á curiosidade e a creatividade con materiais sinxelos e reciclados; ‘Xoguetes. A xogar non se aprende, pero xogando apréndese', partindo de modelos de xoguetes, convidas os asistentes a que deseñen xoguetes, investiguen mecanismos, indaguen en novas formas de comunicar a través do xogo; ‘Teño unha idea. Propostas para seguir inventando', creacións libres a través de tres propostas: as palabras, as accións e as formas; ‘Ágora. Nenos e nenas toman a palabra', un espazo no que os nenos poderán tomar a palabra e debater sobre a súa cidade, a educación e calquera tema que consideren; ‘Natureza. Auga, barro e area para aprender' é un achegamento ao ambiente a través da creación e o xogo; e ‘Para saber máis' é, finalmente, un espazo bibliográfico e de consulta informática.

A mostra está dirixida aos profesionais da educación, aos nenos, ás familias, en definitiva, a toda a sociedade, porque "todos temos a responsabilidade de escoitar o que os máis pequenos teñen que dicirnos para construír cidades, escolas e en xeral espazos habitables e felices para todos".

Francesco Tonucci

Francesco Tonucci é un investigador e pedagogo italiano nado en Fano o 5 de xullo de 1940. En 1966 realiza os seus primeiros debuxos de carácter pedagóxico e desde 1968, co heterónimo de ‘Frato', comeza un traballo gráfico sistemático coa intención de expor o seu pensamento educativo a través de viñetas e debuxos.

É promotor e responsable desde 1991 do proxecto "A cidade dos nenos", que na actualidade compromete 200 cidades de varios países do mundo e cuxo principal obxectivo é transformar as cidades tomando como referencia a vida e necesidades da infancia.