Noticias

A Deputación e o CETS de Sanxenxo establecen accións conxuntas cara a un modelo turístico de calidade, sostible, intelixente e xerador de riqueza

Carmela Silva: "Este é un destino seguro, con enorme capacidade de xerar actividade, de excelencia e queremos traballar conxuntamente por un turismo sustentable, pola dixitalización e para presentar proxectos comúns aos fondos europeos"


17 xuño 2021
A Deputación e o CETS de Sanxenxo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a directiva do Consorcio de Empresas Turísticas de Sanxenxo (CETS) sentaron esta mañá as bases dunha relación sólida a prol dun modelo turístico "de calidade, sostible, intelixente e xerador de riqueza", tal e como resumiu a máxima responsable da institución provincial. "Fixemos unha posta en común, coincidimos plenamente e eu saio encantada desta xuntanza. O sector turístico de Sanxenxo traballa desde hai dúas décadas nun modelo para o sector, hai que agradecerllo, e imos traballar xuntos para desenvolver accións conxuntas", afirmou ao remate dunha xuntanza que se prolongou, nun ambiente moi cordial, durante hora e media, e na que a directiva agasallou á presidenta cunha figura da Madama de Silgar, símbolo da vila. O presidente do Consorcio empresarial tamén expresou a súa satisfacción co resultado e está convencido de que esta toma de contacto foi "o comezo dunha relación que vai ser moi frutífera para as dúas partes".

A presidenta da Deputación considera prioritario establecer unha relación de traballo entre as institucións públicas e privadas e destacou o traballo do sector e o potencial de atraer visitantes ao destino Rías Baixas-Pontevedra Provincia. "Este é un destino seguro, hospitalario, con enorme capacidade de xerar actividade, de excelencia e que aposta por que as persoas que veñan se sintan extraordinariamente ben", explicou, e referiuse á boa sintonía na xuntanza co CETS. "Apostamos e coincidimos nun modelo que traballe por un turismo sostible, pola dixitalización e por presentar proxectos comúns aos fondos europeos", manifestou.

Nesta liña avanzou que a Deputación e o Consorcio comezarán a traballar de maneira inmediata "sobre proxectos concretos, de eventos e turismo deportivo, e a establecer unha relación directa para que nas decisións vinculadas ao turismo e ás infraestruturas consultemos ao sector privado, de maneira que as accións sexan acaídas coas necesidades que expoñan ". A presidenta avoga ao respecto por "facer ao sector turístico copartícipe das políticas públicas da Deputación para construír así pobos amables e sostibles".

Un 70 % da ocupación prevista no verán

Carmela Silva fixo ademais un prognóstico favorable de cara a ocupación hoteleira este verán. "Son optimista. Tiña una intuición e os datos a avalan. E cando as cousas van ben a nivel turístico en Sanxenxo, reflíctese en toda a provincia", manifestou, para engadir que "vai ser un bo verán, vaise xerar emprego e actividade económica, e vemos a luz despois dun 2020 moi difícil para todo o sector, pero particularmente para o turismo e o comercio de proximidade". As previsións de reservas do CETS para agosto sitúanse no 70 %, e a propia presidenta sinalou que seguramente a porcentaxe "vai ser máis alta". A responsable da institución provincial eloxiou tamén a "identificación co territorio dos empresarios e empresarias turísticas de Sanxenxo" e destacou que ese é tamén un factor dinamizador. "Queremos coidar o territorio. Que todas as prazas hoteleiras estean completas, cun modelo de calidade", ampliou.

Pola súa banda, Alfonso Martínez declarouse en nome da directiva "encantado" polo resultado da xuntanza e agradeceu á presidenta que os recibise no Pazo provincial. "Estamos de acordo en moitas cousas. É moi importante traballar unidos e non nos cabe dúbida de que así será", valorou. En canto as perspectivas de ocupación para a temporada alta coincidiu tamén na lectura. "Somos moi optimistas e estamos convencidos de que vai ser un bo verán", remarcou.

A presidenta explicou por outra banda que a Deputación acaba de aprobar o II Plan estratéxico de turismo e tamén fixo alusión aos vídeos das campañas promocionais Fame de experiencias e Segue o teu instinto. Tamén destacou o papel pioneiro do programa "SmartPeme" para axudar á dixitalización do tecido empresarial da provincia, unha iniciativa pioneira, nacida en 2016 que ten no turismo un dos seus principais referentes. Ademais, destacou que a Deputación forma parte da comisión executiva da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI), polo que se compromete a levar a voz do sector a este foro.

O CETS naceu en 2002 como a fusión das tres organizacións existentes naquel momento e agrupa a un total de 16.000 prazas de aloxamento total. Á parte da promoción do sector turístico ten como misión desenvolver unha xestión que permita o aforro de custos e conversar coas institucións cunha voz única.