Noticias

Deputación, Concello e Delegación de Goberno da man na presentación da senda peonil Noalla-A Lanzada e da rehabilitación do pazo de Quintáns

Carmela Silva: "Sanxenxo estase a converter nun concello que está a apostar por esta nova mobilidade que promove a Deputación, definida por unha palabra: sustentabilidade"


08 xuño 2021

A Deputación de Pontevedra, o Concello de Sanxenxo e a Delegación do Goberno de España sumaron hoxe sinerxías ao presentar de forma conxunta a rehabilitación do pazo de Quintáns, levado a cabo cunha achega do 1,5 % cultural do Ministerio de Fomento, así como o ambicioso proxecto de mellora da estrada provincial EP-9212, que contempla a creación dunha senda peonil de 1,2 quilómetros de lonxitude entre Noalla e a praia da Lanzada, baixo o modelo de mobilidade sostible da Deputación. A presidenta, Carmela Silva, o alcalde, Telmo Martín, e o delegado do Goberno, José Miñones, remarcaron hoxe este traballo conxunto co obxectivo común da posta en valor dos valores patrimoniais e turísticos de Sanxenxo, durante a visita que realizaron xunto á representantes da corporación municipal á emblemática instalación para a presentación do novo proxecto provincial.

Como sinalou Carmela Silva, a mellora da estrada provincial e a senda peonil ata A Lanzada será o mellor complemento á renovación do pazo, "unha verdadeira xoia do patrimonio que merecía que fixéramos unha actuación potente" e para a posta en valor da contorna, que precisaba este espazo público baseado na mobilidade segura e amable, que fai que os peóns/as sexan o centro de todo". A presidenta provincial destacou a aposta de Sanxenxo e doutros concellos da provincia, que se teñen acollido "con paixón" a este modelo provincial de mobilidade "que ten unha palabra que o define, "a sustentabilidade" e engadiu que tanto a mellora do pazo de Quintáns como a nova senda van ser puntos de referencia para "atraer xente á Sanxenxo durante todo o ano a través dun turismo pluriexperiencial e emocional".

"Cada día máis o turismo de cultura, vinculado á historia, en definitiva, o turismo que conta un relato –destacou–, e aquí temos moito relato que contar, é máis atractivo. E isto vai ser un grande atractivo turístico". Nese senso, aplaudiu a reforma levada a cabo en Quintáns "porque temos que coidar o que herdamos e este é un pobo que constrúe a partir do que foi". "Esta é unha provincia de pedra –agregou–, de auga, de luz, e temos estes espazos que forman parte de aquelo que somos e fomos. E fomos sempre unha provincia moi potente". Carmela Silva incidiu neste senso ante o delegado de Goberno en que a Deputación "quere que os fondos Next Generation cheguen a esta provincia para transformala e convertela nun territorio de referencia, baseado na accesibilidade, seguridade e na recuperación do espazo público, e os concellos e nós estamos a traballar para conseguilo".

Proxecto EP-9212 Noalla-A Lanzada

En concreto, o proxecto de mellora previsto en Noalla abarcará un treito de 1,2 quilómetros, desde a igrexa de santo Estevo ata o acceso á praia da Lanzada, onde ademais de mellorar a seguridade se construirá a citada senda. O proxecto ten un orzamento de 910.606 € e finánciase a través dun convenio entre a Deputación e o Concello, que asumen o 70 e o 30 % do orzamento respectivamente, aínda que Sanxenxo xa solicitou unha achega da liña 1 do Plan Concellos 2021 para sufragar a totalidade da súa aportación. A previsión é licitar xa en breve a actuación, que terá un prazo de execución de seis meses.

A senda peonil terá un mínimo de 2,5 metros de ancho e descorrerá pola marxe dereita da estrada e paralela ao seu actual trazado en plataforma única, salvo en tres zonas onde vai ser necesario facer plataformas de convivencia, con prioridade para peoas e peóns e nas que haberá medidas de calmado de tráfico e redución da velocidade. Tamén se prevé a execución do reforzo do firme na plataforma e a renovación da sinalización horizontal e vertical. Na zona do pazo de Quintáns haberá unha serie de actuacións, que permitirán integrar elementos orixinais da edificación coa senda e plataforma de convivencia proxectadas, como a restauración do lousado orixinal de granito, xunto coa recuperación da cuneta perimetral do muro de peche e a resolución do encontro entre os pavimentos de pedra e formigón mediante a interposición dun beirado de pedra da mesma variedade litolóxica que as lousas existentes.

O alcalde, Telmo Martín, destacou que trala rehabilitación do pazo, tanto a nova fase desta obra, que está presupostada en 600.000 euros e abranguerá o acondicionamento dos espazos exteriores para poñelo en uso, como a construción da futura senda peonil, "vanlle dar moito máis valor a esta contorna, polo que agradecemos que a Deputación fixera este convenio para converter esta estrada nunha zona acondicionada para desfrute da veciñanza". Ademais de comezar a programar visitas a Quintáns entre a veciñanza e as asociacións de Noalla, o Concello quere tamén avanzar na musealización da contorna da ermida da Lanzada, dentro da súa aposta por captar turismo ao longo de todo o ano. "En Sanxenxo somos lideres en turismo no verán, coñécenos polas praias e as bandeiras azuis e polo tempo marabilloso, pero temos un patrimonio importantísimo que temos que poñer en valor", resaltou Martín.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, quixo destacar a colaboración das tres administracións nesta presentación conxunta: "Sumar sempre é o camiño e estamos a falar de tres administracións traballando para e por a veciñanza, sinalou. Este é un dos exemplos dese compromiso para seguir sumando e seguir construíndo". Ao referirse á rehabilitación do pazo de Quintáns, na que se investiron preto de dous millóns e euros (1,3 polo Ministerio de Fomento), Miñones indicou "é unha marabilla e podo dicir que vai ser centro non só turístico, senón de referencia do Concello". "Auguro moito futuro a este pazo e simboliza que temos que darlle máis valor á rehabilitación do noso patrimonio".

Fotos

Vídeos