Noticias

A Deputación destina medio millón de euros á modernización do sector primario da provincia

Carmela Silva fixo fincapé na mellora introducida na liña destinada ás confrarías, "incluíndo nas bases criterios para subir a puntuación ás entidades que apostasen polo traballo que desenvolven as mulleres"


14 xuño 2021
Carmela Silva

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar achegas por valor de 500.000 € para a modernización e mellora de servizos e equipamentos de 17 cooperativas agrogandeiras e 21 confrarías da provincia. Trátanse de 60.000 € máis que o distribuído o pasado ano nas dúas liñas de subvencións para investimentos no sector primario, que este ano repartirán 250.000 € entre cooperativas agrogandeiras e outros 250.000 entre confrarías de pescadores/as, federacións e agrupacións de mariscadoras.

En canto ás confrarías de pescadores/as, federacións e agrupacións de mariscadoras 21 entidades de 17 concellos da provincia recibirán 250.000 €, con achegas que oscilan entre os 2.936 € de contía mínima aos 19.640 € de máxima, para sufragar gastos de mellora de servizos (vixilancia, servizos prestados, comercialización), adquirir novos equipamentos (material de lonxa, vehículos, material informático, carretillas, mobiliario de oficina, uniformes), mellorar e manter instalacións (cetarias, locais, reforma de adaptación para montacargas, etc.) e impulsar xornadas formativas. "Este ano –asegurou Carmela Silva– decidimos subir a puntuación ás confrarías que pedisen recursos, equipamentos ou melloras para as mariscadoras, apostando polo traballo que desenvolven as mulleres e poñendo sempre nas bases cuestións que o favorezan".

As entidades beneficiarias son dúas de Vilagarcía de Arousa (Confraría de Pescadores Santiago Apóstol e Confraría Virxe do Rosario de Vilaxoán), dúas de Soutomaior (Confraría Virxe do Carme e Federación Provincial de Confrarías), dúas de Pontevedra (Confraría San Telmo e Confraría San Andrés de Lourizán) e dúas de Cangas (Confraría San Xosé de Cangas e Confraría San Cipriano de Aldán no Hío) e a 1 de cada un dos concellos de Baiona (confraría La Anunciada), Bueu (Confraría San Martiño), Cambados (Confraría San Antonio), O Grove (Confraría San Martín), A Guarda (Confraría Santa Tecla), A Illa (Confraría San Xulián A Illa), Moaña (Confraría San Martín), Poio (Confraría San Gregorio de Raxó), Redondela (Confraría San Juan), Sanxenxo (Confraría San Roque de Portonovo), Vigo (Confraría San Francisco), Vilaboa (Confraría Pedra da Oliveira) e Vilanova de Arousa (Confraría La Pastoriza).

Pola súa banda para as cooperativas agrogandeiras destinaranse 250.000 € para 17 entidades de dez concellos que recibirán entre 5.465 € de contía mínima a 25.821 € de máxima para sufragar gastos para adquirir maquinaria (pesadoras multicabezais, máquinas arrincadoras, segadoras, remolques e carretillas), instalar placas fotovoltaicas, mellorar as súas instalacións (almacéns, sistemas produtivos, adecuar e reparar naves e construír novas plantas), instalar novas máquinas, adquirir insumos e mantementos de depósitos. Sete das cooperativas son de Lalín (Aprodeza, Campodeza, Cobideza, Cooperativa Gandeira de Botos, Sociedade Cooperativa Gandeiros do Deza, Valle del Deza e Xuncoga), dúas de Meaño (A Milpa do Salnés e Cooperativa Vitivinícola Arousana), e unha de cada un dos concellos de Cambados (Horsal), A Estrada (Estelas da Terra), Forcarei (Cooperativa Agrícola), Moaña (A Meixoeira), As Neves (O Condado-A Paradanta Cooperativa), Ribadumia (SAT n 4035), Rodeiro (O Rodo) e O Rosal (CCA Porta Río Miño).