Noticias

A Deputación destina 200.000 euros para confrarías da área de Pontevedra, Vigo, O Morrazo, O Salnés e O Baixo Miño

A través destas achegas, as entidades poderán afrontar gastos de persoal e impulsar novos investimentos


12 xuño 2017
Carmela Silva

O Goberno de Carmela Silva acaba de aprobar axudas, por valor de 200.000 eur0s, para confrarías de pescadoras e pescadores da provincia. Na comarca de Pontevedra, estas achegas, que permitirán afrontar gastos de persoal e impulsar novos investimentos, benefician con 46.972,37 euros a 4 entidades de Poio, Pontevedra e Vilaboa. No sur da provincia apórtanse 52.632,78 euros a cinco confrarías de Baiona, A Guarda, Redondela, Soutomaior e Vigo. No Morrazo destínanse 41.986 euros a catro de Bueu, Cangas e Moaña. No caso da comarca do Salnés, asígnanse 58.403,95 euros a oito entidades de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Sanxenxo,  Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

A presidenta, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción ao ver que "este ano se beneficiaron das achegas tres entidades máis que o pasado ano, cando foron 18 as confrarías que optaron ás axudas". Tamén indicou Silva a dobre vertente das achegas que, como novidade, este ano conta cunha liña, por valor de 100.000 euros, para gastos de persoal, e outra, polo mesmo importe, para novos investimentos.

COMARCA DE PONTEVEDRA

Máis polo miúdo, a través da liña de investimentos catro entidades da área de Pontevedra poderán adquirir equipos informáticos, material e lanchas de vixilancia, mobles, caixas, motores, equipamentos de oficina, material de lonxa, aparellos, substitucións de pantaláns, clasificadoras de moluscos etc. En concreto, a Confraría de Pescadores San Gregorio de Raxó en Poio recibirá 2.932,23 euros, a de San Telmo de Pontevedra 8.060,14 euros, San Andrés de Lourizán 3.624 euros e Pedra da Oliveira de Vilaboa 5.527 euros.

No caso da liña de gastos de persoal, as achegas tamén se destinan ás mesmas entidades. En concreto, a Confraría de San Gregorio de Raxó en Poio beneficiarase de 4.878 euros, San Telmo de Pontevedra 9.756 euros, San Andrés de Pontevedra 6.504 euros e Pedra da Oliveira de Vilaboa 5.691 euros.

VIGO E O BAIXO MIÑO

A través da liña de investimentos a Confraría de Pescadores La Anunciada de Baiona, a de Santa Tegra da Guarda e San Xoán de Redondela recibirán 4.738 euros cada unha. A Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Soutomaior beneficiarase de 7.641,78 euros e a de San Francisco de Vigo de 3.948 euros. Na liña de gastos de persoal a Confraría La Anunciada de Baiona, a de Santa Tegra da Guarda e San Xoán de Redondela recibirán 4.878 euros respectivamente. A Confraría Virxe do Carme de Soutomaior beneficiarase de 8.130 euros e a de San Francisco de Vigo de 4.065 euros.

O MORRAZO

Para investimentos a Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu recibirá 5.527 euros, a mesma cantidade que a de San Xosé de Cangas. A Confraría San Cipriano de Aldán, en Cangas, beneficiarase de 2.369 euros e a de San Martiño de Moaña de 6.612 euros.

En canto aos gastos de persoal, a Confraría de San Martiño de Bueu recibirá 5.691 euros, ao igual que a de San Xosé de Cangas. A Confraría de San Cipriano de Cangas achegaranse 2.439 euros e a de San Martiño de Moaña 8.130 euros.

O SALNÉS

Para investimentos sete entidades poderán adquirir equipos informáticos, material e lanchas de vixilancia, mobles, caixas, motores, equipamentos de oficina, material de lonxa, aparellos, substitucións de pantaláns, clasificadoras de moluscos etc. En concreto, a Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados recibirá 6.317 euros, a de San Martiño do Grove 7.896 euros, a de San Xulián na Illa de Arousa 6.317 euros, Santa Rosalía de Sanxenxo beneficiarase de 2.369 euros, a Confraría Santiago Apóstolo de Carril en Vilagarcía de Arousa 1.272,98 euros, a Virxe do Rosario de Vilagarcía de Arousa 2.634,97 euros e A Pastoriza de Vilanova de Arousa recibirá 7.107 euros.

No caso da liña de gastos de persoal, as achegas destínanse a catro confrarías entre as que se atopan a de San Roque de Portonovo, que recibirá 4.065 euros, a de Santiago Apóstolo de Carril en Vilagarcía de Arousa, que se beneficiará de 7.317 euros, a de Virxe do Rosario tamén de Vilagarcía de Arousa, á que se achegan 5.691 euros, e a da Pastoriza de Vilanova de Arousa que recibirá 7.317 euros.