Noticias

A Deputación destina a Moaña unha nova achega do Plan Concellos por preto de 13.000 euros

Con este investimento o Goberno de Carmela Silva financiará a renovación do parque infantil de Domaio


04 decembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra aprobou, mediante unha resolución presidencial, un novo investimento a Moaña ao abeiro do Plan Concellos por un total de 12.800 euros. Trátase dunha axuda que se destinará á renovación do parque infantil de Domaio.

O Goberno provincial, a través do Plan deste ano xa adxudicou outras axudas para o municipio, coas que puido levar a cabo a finalización do paseo de Domaio, a instalación deportiva para skatepark, a mellora de edificios públicos, o subministro de barreiras de seguridade en estradas do concello, o subministro de material eléctrico, o asfaltado da estrada Redondo-Paradela, o subministro de sinalización vertical de barrios da vila, a reforma dun parque infantil en San Bartolomeu, o deseño de camiños escolares seguros no CEIP Tirán, a adquisición de chalecos antibalas e a mellora da mobilidade peonil na EP 1104.

No que corresponde á liña 2, a Deputación de Pontevedra destinou 94.400,07 euros a gastos correntes relacionados co servizo de limpeza. Tamén, outros 224.200 euros foron destinados á financiación da contratación de 29 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 de emprego.

Este ano a Deputación de Pontevedra puxo a disposición de Moaña, a través do Plan Concellos, un total de 1.700.604 euros, un 76,15 % máis que en 2017.