Noticias

A Deputación decide cancelar os seus grandes eventos seguindo o principio de prudencia ante a COVID de cara ao Nadal

A primeira medida é anular a conferencia maxistral de Jan Gehl, para a que xa había unhas 300 persoas apuntadas e un gran ritmo de inscrición


13 decembro 2021
Deputación de Pontevedra

A Deputación vén de decidir cancelar os seus eventos con grande cantidade de público. Así se acordou no grupo de goberno seguindo o principio de prudencia ante a situación actual da COVID para evitar riscos de cara ás festas de Nadal nas que a maioría da poboación quere realizar reunións familiares. A programación prevista pola institución provincial seguirá con actividades de formato máis reducido: todas limitarán a súa capacidade a pesares da autorización do 100% dos aforamentos realizándose preferiblemente ao exterior cando sexa posible.

O primeiro grande evento afectado por esta medida será a conferencia maxistral do arquitecto e urbanista danés Jan Gehl. O relatorio ía celebrarse este xoves 16 ao abeiro da clausura da Facultade Ágora e xa estaban apuntadas arredor de 300 persoas, ademais de detectarse un fluxo crecente de inscrición que ía superar a capacidade permitida. Nos vindeiros días realizarase o aviso da anulación de maneira personalizada.

A organización decidiu renunciar a desenvolver a conferencia en lugar de realizala vía telemática -como as feitas ata o de agora ao abeiro da Facultade- debido ao interese do propio Gehl por coñecer ‘in situ' a realidade da provincia de Pontevedra. A decisión tamén se tomou sabedores de que o público asistente está interesado na análise concreta do arquitecto sobre o traballo local en materia de mobilidade, posto que na internet existen moitas conferencias de Gehl a disposición, mais de tipo xeral e sen posibilidade de interacción.

Cabe lembrar que o urbanista, de 85 anos, chega a Pontevedra dende Copenhague, unha cidade que nestes momentos ten unha taxa de risco extremo de pacientes confirmados de coronavirus nos últimos 14 días (1.211 por cada cen mil habitantes), incrementándose de maneira significativa tanto o número de contaxios como o número de mortos diariamente. Na cidade do Lérez a taxa está situada practicamente na metade da cifra danesa, mais os datos tamén están á alza e as recomendacións sanitarias son de evitar na medida do posible os actos masivos. A situación da pandemia desaconsellaba a viaxe, e o obxectivo é reprogramar a visita de Gehl a Pontevedra con todas as garantías sanitarias e evitando riscos para todas as partes.

A clausura da Facultade Ágora segue adiante

A pesares da cancelación da conferencia maxistral de Gehl, o acto de peche da Facultade Ágora vai seguir adiante. Será extremando as condicións de seguridade, nun formato máis reducido e limitado exclusivamente ao alumnado que seguiu os seminarios dende o pasado mes de abril, que recibirá o título acreditativo de ter aprobado o exame de capacitación.

O acto, que se desenvolverá no salón de actos do Pazo da Cultura e ocupará exclusivamente ao 50% da súa capacidade, considérase de grande relevancia para poñer en valor á primeira promoción de persoal dos concellos da provincia que adquiriu coñecementos sobre a recuperación do espazo público e aumentar a calidade de vida da cidadanía.

Na apertura estará presente o padriño da Facultade, o director xeral de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Iñaqui Carnicero, ademais de representantes do goberno da Deputación, do Concello de Pontevedra e da Rede de Cidades que Camiñan.