Noticias

A Deputación de Pontevedra súmase á celebración do Día Internacional da Xuventude

Carmela Silva asegurou que "temos que poñer na man dos nosos mozos e mozas todas as ferramentas que permitan o futuro e o desenvolvemento da nosa provincia"


11 agosto 2017
xuventude

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou esta mañá que a institución provincial vense de sumar ao Día Internacional da Xuventude que se celebra este sábado 12 de agosto co obxectivo de "reivindicar a contribución que os mozos e as mozas fan á nosa sociedade, pois é fundamental que alertemos do que acontece coa xuventude máis formada da historia, malia que moitas e moitos mozos abandonaron a formación no boom da construción, e que ten moitos problemas derivados da crise económica", sinalou a Presidenta provincial.

Carmela Silva, que estivo acompañada pola deputada de Xuventude, Digna Rivas, de quen alabou o seu traballo, asegurou que a xuventude da provincia de Pontevedra está "moi formada, ten moito talento, é innovadora e con mentalidade emprendedora" pero "ten salarios baixos, contratos temporais ou parciais e unha alta precariedade nos seus dereitos" ademais de que, "tristemente, tiveron que volver emigrar, algo que criamos superado". Así, salientou que a Deputación de Pontevedra "neste día queremos alzar a voz para dicir que o conxunto das Administracións, particularmente as que teñen competencias en emprego –UE, Goberno central e Administracións autonómicas–, teñen que tomar decisións para que recuperen todos os dereitos que se teñen perdido".

A Presidenta provincial lembrou que "a Xuventude era un asunto ao que non se lle prestaba atención antes da chegada do noso Goberno provincial" e que "a Deputación conta desde hai 2 anos cunha área específica para a mocidade, con programas concretos para unha franxa da nosa poboación crucial, posto que é a que vai garantir o noso desenvolvemento, a nosa supervivencia e o noso futuro". Ademais, a Presidenta provincial asegurou que "estamos a ter en conta á xuventude dunha maneira transversal, nos programas que pomos en marcha desde todas as nosas áreas".

Entre esas accións, Carmela Silva resaltou as 200 bolsas de práctica laboral na Deputación e concellos mailas outras 200 bolsas en empresas, o programa "Erasmus+ Practicum Depo" para a mobilidade europea de 81 graduados e graduadas, o coworking de Barro-Meis con espazos gratuítos durante cinco meses ou a Escola de Cantería, todas elas no eido da empregabilidade e o desenvolvemento profesional. Ademais, en Igualdade, "unha labor fundamental e especialmente incidente entre a mocidade", sinalou Carmela Silva, a campaña "Lembra! Eu decido, ti respectas" para a visibilización das mulleres e a eliminación das agresións sexuais, presente en eventos masivos e "cuns magníficos resultados, milleiros de persoas se achegaron a informarse e crear consciencia contra estas situacións".

Do mesmo xeito, programas de cohesión social como "Tecendo lazos" para crear encontros interxeneracionais cos seus avós e avoas "para non perder experiencia, tradicións e a nosa cultura", sinalou a Presidenta, ou as axudas para entidades sociais que realizan actividades en xuventude e infancia. No ámbito do lecer e do tempo libre, as rutas de "Depo Andainas", "En ruta coa Depo" e "Etnoexperiencias" con apostas concretas para a mocidade, ademais do novidoso "Depo RúARTE" co obxectivo de favorecer a expresión creativas das mozas e os mozos a través da cultura urbana, mailos "Campamentos polideportivos" do Centro Príncipe Felipe e as quendas de "Depo Aventura A Lanzada" coa participación de 300 e 2.200 nenas e nenos, respectivamente.

Carmela Silva tamén sinalou o "Plan Revitaliza", enmarcado no compromiso co medio ambiente que amosan as novas xeracións "e cunha maioría de mestres e mestras composteiras novas" ou iniciativas de cultura e talento como o certame "Novos Valores" para o fomento das artes plásticas, a primeira edición dos "Premios Provinciais á Xuventude" cunha dotación de 21.000 euros e tamén "apostas de turismo para a xuventude, que veñan participar en eventos pensados para elas e para eles" como os 8+1 #RíasBaixasFests, unha cita á que asisten milleiros de mozas e mozos cada verán e que ten esta mesma fin de semana ao Marisquiño como expoñente.

A Presidenta provincial indicou que, ao abeiro desta celebración, "contamos cun apartado específico na nosa páxina web na que se pode atopar toda a información relativa aos diversos programas e iniciativas da Deputación de Pontevedra enfocadas a esta franxa de idade". Ademais, Carmela Silva lembrou que "dámoslles visibilidade a todas estas accións cunha cabeceira dedicada á mocidade na nosa web e nas redes sociais" e avanzou a creación dunha "acción viral para as redes sociais, a través da cal estamos compartindo imaxes das mozas e mozos que participan nos nosos programas acompañados pola etiqueta #DíaMundialXuventude e a que se corresponde a cada programa".

A Presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que "sumándonos á celebración do Día Internacional da Xuventude querémoslle dar visibilidade a este día e tamén á nosa xuventude, porque o merecen, porque son o noso futuro e temos que ter unha actitude proactiva de quen van ser o noso futuro inmediato, por non dicir o noso presente" e demandou "políticas dirixidas a elas e eles, xa que non é permisible que as nosas mozas e mozos vaian vivir peor do que viviron as xeracións anteriores".


Novas relacionadas