Noticias

A Deputación de Pontevedra presenta un documental sobre a realidade das persoas trans baseado na mostra "Sorrisos Transformadores"

Carmela Silva amosou o seu rotundo apoio á proposta de Lei de Identidade de Xénero de Galicia que se presentará mañá no Parlamento autonómico


10 xullo 2017
Sorrisos transformadores

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola presidenta da Asociación ARELAS de Familias de menores trans, Cristina Palacios, e a fotógrafa e directora Noemí Chantada, presentou hoxe a peza documental "Sorrisos Transformadores. Orgullo Trans", unha película de 20 minutos que recolle as testemuñas e realidades das persoas que lle dan protagonismo a campaña de visibilización positiva e sensibilización de igual nome da Deputación de Pontevedra, posta en marcha pola institución provincial o pasado ano. A película presentouse hoxe aos medios como mostra de apoio á Lei de Identidade de Xénero de Galicia que se debaterá mañá, martes 11 de xullo, no Parlamento autonómico.

A presidenta aproveitou este acto para amosar o rotundo apoio do Goberno provincial a "esta importantísima demanda dos colectivos LGBTI de Galicia, unha demanda baseada no respecto ás persoas, á identidade sexual, á diversidade, á tolerancia e á liberdade nunha sociedade xusta, democrática e decente". Silva asegurou non poder comprender os argumentos para votar en contra dunha lei que defende "os dereitos fundamentais das persoas" recollidos pola Constitución nos seus artigos 9.2 e 14 e aos que polo tanto é unha obriga darlles cumprimento e fixo fincapé en que "non se pode lexislar con visións ideolóxicas".

Segundo explicou Carmela Silva, nun principio editáronse 8 pezas curtas pensadas como soporte en vídeo á exposición fotográfica "Sorrisos Transformadores" e para axudar a divulgar a mensaxe en diferentes formatos, redes sociais, TV, exposicións , chegando así coa campaña ao maior número de persoas posible pero debido á "relevancia e interese" do material documentado decidiuse elaborar unha peza audiovisual de maior envergadura, 20 minutos de duración, no que se afonda sobre as diferentes realidades ás que se enfrontan as persoas trans* na nosa sociedade e no que podemos coñecer de primeira man as testemuñas das e dos protagonistas da exposición "Sorrisos Transformadores", Pablo, Hugo, Ivana, Miguel, Penélope, Carmen, Cristina, Jesús, Sara, Rio; todas elas persoas vinculadas ao colectivo trans, ben por pertencer a el, ou porque están relacionadas coa realidade trans pola súa profesión (educador/a, xurista, decana, política, psicóloga). O documental será difundido a través de todos os medios incluíndo festivais de cine co obxectivo de acadar ao maior número posible de persoas.

Carmela Silva informou de que desde a posta en marcha da campaña "Sorrisos Transformadores" preto dun milleiro de rapazas e rapaces de 13 centros escolares visitaron a mostra e participaron das charlas impartidas pola presidenta da asociación ARELAS, Cristina Palacios, que acompañan á exposición cada vez que se presenta nun concello novo. Segundo indicou Carmela Silva a campaña, que "ten vida propia" está a ser un éxito que "incluso saíu das fronteiras da provincia" posto que outras institucións e concellos a solicitaron tamén. De feito a exposición fotográfica puido visitarse na Facultade de Ciencias de Educación de Santiago de Compostela, actualmente está no concello de Sarria e ten previsto visitar máis concellos coruñeses.

Pola súa banda, Cristina Palacios, moi agradecida pola implicación da Deputación de Pontevedra neste proxecto, destacou a gran importancia que esta campaña está a ter "sobre todo no ámbito rural onde a visibilización deste colectivo é especialmente complicado", e sinalou que desde a posta en marcha da mesma foron xa varios os casos de menores e familias que se puxeron en contacto coa organización para solicitar máis información, o que segundo Palacios serve para desmentir a idea de que "non hai menores trans".

Do mesmo xeito, a autora das imaxes da mostra fotográfica e directora da peza documental, Noemí Chantada, destacou durante a presentación unha frase recollida no documental e que segundo a artista o audiovisual recolle a esencia desta iniciativa "o único importante é que os nenos e nenas sexan felices, co cal as institucións e a sociedade temos que camiñar xuntas cara a iso, coas leis, coa solidariedade e co que estea nas nosas mans para conseguir que estas persoas sexan felices".

"Sorrisos Transformadores" é unha das iniciativas impulsadas pola Deputación de Pontevedra que naceu con motivo da celebración do día do orgullo LGTBI, o 28 de xuño de 2016, co obxectivo de poñer en marcha unha campaña de sensibilización dirixida á sociedade para a prevención de comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou identidade de xénero, e a poboación escolar co fin de combater o acoso escolar por razón de orientación sexual ou identidade de xénero, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das identidades de xénero.

Ata a data a exposición fotográfica xa visitou 12 concellos da provincia (Rodeiro, Pontecesures, Redondela, Caldas de Reis, Soutomaior, Lalín, Silleda, O Grove, Agolada, Meis, Barro e As Neves). Outros 17 concellos xa están pechados ata xuño de 2018 (A Guarda, Porriño, A Lama, Moaña, Pazos de Borbén, Mondariz, Ribadumia, Baiona, Cangas, O Rosal, Marín, Gondomar, Vilagarcía de Arousa, Ponte Caldelas e Tui).

Fotos