Noticias

A Deputación de Pontevedra leva a súa campaña de igualdade ao festival Canteira Fest de Vilaboa

A institución provincial achegará o material de "Lembra! Eu decido, ti respectas" ao punto morado de información sobre as violencias machistas que instalará a Asociación de Mulleres de Vilaboa mañá, venres 20, e o sábado 21 de setembro


19 setembro 2019
Campaña igualdade

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, levará a súa campaña de igualdade "Lembra! Eu decido, ti respectas" ao festival Canteira Fest de Vilaboa, que terá lugar esta próxima fin de semana. A institución provincial levará o material desta campaña ao punto morado de información sobre as agresións sexuais que a Asociación de Mulleres de Vilaboa instalará os días 20 e 21 de setembro na canteira de Paredes e que estará operativo desde as 17.00 ata as 21.00 horas.

A campaña "Lembra, eu decido, ti respectas" está dirixida á mocidade e amosa contidos diferenciados para mulleres e para homes, nos que se definen con claridade os límites ante posibles agresións, facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima. Con esta iniciativa preténdese concienciar a poboación máis nova da importancia das relacións en igualdade, así como previr e actuar contra as agresións sexuais clasificadas como violacións en cita ou agresións por submisión química.

A Deputación de Pontevedra desenvolveu este verán esta campaña de igualdade nos Festivais Rías Baixas e ofrece o seu material divulgativo para que o utilicen todos os concellos e entidades que así o soliciten. O ano pasado chegou a festivais e festas patronais dos concellos de Poio, Cangas, Ponte Caldelas, Lalín, O Grove e Cuntis, entre outros.