Noticias

A Deputación de Pontevedra leva a súa campaña de igualdade ao Entroido de Verán de Redondela

A institución provincial achegará o material de "Lembra! Eu decido, ti respectas" ao punto morado de información sobre as violencias machistas que instalará o Concello o sábado 24 de agosto


20 agosto 2019
Campaña de igualdade

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, levará a súa campaña de igualdade "Lembra! Eu decido, ti respectas" ao Entroido de Verán de Redondela, que se desenvolverá esta fin de semana. A institución provincial levará o material desta campaña ao punto morado de información sobre as agresións sexuais que o Goberno municipal de Redondela instalará o día 24 de agosto na praza do Concello, e que estará operativo desde as cinco da tarde ata as dúas da madrugada.

A campaña "Lembra! Eu decido, ti respectas" diríxese á mocidade e amosa contidos diferenciados para mulleres e para homes nos que se definen con claridade os límites ante posibles agresións, facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima. Con esta iniciativa preténdese concienciar a poboación máis nova da importancia das relacións en igualdade, así como previr e actuar contra as agresións sexuais categorizadas como violacións en cita ou agresións por submisión química.

A Deputación de Pontevedra desenvolveu este verán a mencionada campaña de igualdade nos Festivais Rías Baixas,  e tamén ofrece o seu material divulgativo para que o utilicen todos os concellos e entidades que o soliciten. Por exemplo, o pasado ano chegou a festivais e festas patronais dos concellos de Poio, Cangas, Ponte Caldelas, Lalín, Vilaboa, O Grove e Cuntis, entre outros.