Noticias

A Deputación de Pontevedra investiu no concello de Tomiño durante 2016 un millón seiscentos mil euros

No referido ao Plan Concellos o Goberno de Carmela Silva achegou máis dun millón de euros, un 63,2 % máis que en 2015


23 decembro 2016
Plan Concellos

Durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Tomiño un total de 1.604.781,60 €. Deles, 1.237.017 € correspondéronse co Plan Concellos 2016, cun 63,2 % máis de fondos que os que recibiron en 2015. Ademais, a institución provincial investiu 80.327 € en mobilidade, 113.071 € en cohesión social e xuventude, 24.465 € en cultura e lingua, 38.900 € para o fomento do emprego, 37.568 € para o impulso do deporte, 3.000 € para medio ambiente e 6.310 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos, investíronse 1.017.557,71 € para a realización de instalacións no parque Espazo Fortaleza, o saneamento en diversos núcleos da vila, a adquisición dun vehículo para o Servizo de Medio Rural, a urbanización e pavimentación de diversos espazos e vías, a reforma do patio interior da Escola Infantil, o acondicionamento da zona verde Espazo Regatiño, a pista de atletismo da área deportiva de Mosteiro e a reforma e mellora da accesibilidade do salón de plenos da casa do concello. Ademais, grazas á liña 4, creáronse 25 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 219.405,48 €.

Á marxe do Plan Concellos 2016, Tomiño recibiu 24.465 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con preto de 40 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao e axudas para a rehabilitación do patrimonio histórico-cultural. Tamén se destinaron 113.071 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios e especializados, da axuda básica de emerxencia, do servizo de teleasistencia (do que se benefician 35 persoas), ou ben mediante os programas "En ruta coa Depo", "Depo RúARTE", "Depo en marcha", "Depotermal", "Tecendo lazos" e "Depo Aventura A Lanzada", no que participaron 27 nenas e nenos do concello.

Do mesmo xeito, Tomiño recibiu 37.568 € para o deporte federado de base, a copa de fútbol Deputación de Pontevedra, diversas actividades deportivas e para as tres DEPOrte Escolas de fútbol e catro de patinaxe que se desenvolven no concello, así como 38.892 € destinados ao fomento do emprego a través dos Plans de Práctica Laboral, que están a permitir que catro persoas desenvolvan a súa primeira experiencia laboral no Concello de Tomiño. Tamén se achegaron 6.310 € para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a través do programa "Conectadas" 2016 e as axudas para o fomento da igualdade e prevención da violencia de xénero nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

A Deputación de Pontevedra investiu, do mesmo xeito, preto de 3.000 € en medio ambiente para o mantemento do campo de fútbol do Alivio e outros 80.327 € en materia de mobilidade, en concreto para as obras de sinalización horizontal e o Plan MOVESE.

En 2017 o concello do Baixo Miño recibirá, só no que se refire ao Plan Concellos, 1.196.341 euros, aos que haberá que engadir todas aquelas axudas dos diferentes servizos e áreas da Deputación.