Noticias

A Deputación de Pontevedra e o concello de Tui asinarán a vindeira semana o convenio para a mellora integral das estradas provinciais da parroquia de Caldelas

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explicou que a Deputación manterá a titularidade das estradas EP-3004 e a EP-2505 logo das obras de mellora da seguranza viaria


20 xullo 2017
Reunión pola firma do convenio

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Tui asinarán a vindeira semana o convenio para a mellora integral das estradas provinciais EP-3004 e a EP-2505 da parroquia de Caldelas. Segundo indicou hoxe o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a institución provincial manterá a titularidade das dúas vías grazas a un cambio no acordo inicial que se aprobará na Xunta de Goberno de mañá venres.

 No documento de acordo entre a institución provincial e o goberno municipal establécese que o investimento será de 589.051 euros, dos que o 80 % chegarán das arcas provinciais e o 20 % do concello. Inicialmente prevíase unha transferencia de ambas estradas ao concello, mais finalmente, e dado que ambas vías comunican dous concellos (Salceda de Caselas e Tui) e non teñen tipoloxía urbana, a Deputación decidiu manter a súa titularidade. Unha vez resolto este cambio, o convenio será asinado e procederase á contratación das obras, que poderán iniciarse no outono.

Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez esta actuación en Caldelas pretende aplicar os novos criterios da Deputación para calmar o tráfico e chegar a unha convivencia segura entre peóns e vehículos. Benítez destacou o grande número de veciñas e veciños que pasan pola parroquia de Caldelas, unha das máis importantes de Tui, e subliñou a importancia de "conformar un contorno viario seguro e tranquilo, fomentando a convivencia de todos os medios de transporte e sistemas de desprazamento, así como repartir de xeito equitativo o espazo público".

A actuación da Deputación en ambas estradas débese ao seu grande uso para chegar a diferentes equipamentos. A EP-3004 une os núcleos rurais dos Baños co do Monte atravesando polo Calvario, mentres que a EP-2505 une os núcleos do Pozo co Monte, atravesando polo Piñeiro, ademais de servir de acceso a unha zona escolar, un balneario e unha zona de espazo libre de uso e dominio público á beira do río Miño.

A principal actuación do novo proxecto de mellora integral será a creación dunha nova senda de mobilidade peonil. No proxecto tamén se incluirán elementos para reducir a velocidade dos vehículos: redutores físicos de velocidade e pasos de peóns sobreelevados ao longo dos dous tramos. A obra, ademais da senda, incluirá a reposición e mellora da rede de drenaxe, a sinalización e a recuperación do contorno da igrexa de San Martiño de Caldelas, situada ao borde da EP-3004.