Noticias

A Deputación de Pontevedra destina preto de 200.000 euros a Marín ao abeiro do "Plan Concellos 2017"

Marín leva recibido este ano xa máis 600.000 € a través deste plan provincial, un 63,97% do total previsto que ascende a máis dun millón de euros


23 xullo 2017
Plan concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha nova subvención de case 200.000 € para o concello de  Marín, no marco da liña 1 do Plan Concellos 2017, que se destinará á mellora dos pavimentos do rural, con obras de acondicionamento en dezaseis viarios do municipio.

En concreto, Marín recibirá 190.271,40 € que permitirán as realización de obras de mellora en dezaseis viarios situados nas parroquias de Ardán, Seixo, Mogor, San Xulián, O Campo e Santo Tomé. As actuacións consistirán na limpeza e construción de cunetas, a reposición e construción de pavimento incluíndo a regularización e bacheado, o recrecido de pozos de rexistro ata a nova rasante ou o fresado en empates de viarios, entre outras medidas de acondicionamento.

Ademais desta última achega, Marín xa ten recibido este ano, a través do Plan Concellos 2017, 237.153,03 € para as obras de humanización da rúa Concepción Arenal, entre a rúa Jaime Janer e a rúa da Roda, 77.282,68 € para a pavimentación da Rúa Recamán e 152.483,02 €, a través da liña 3, que permitiu a contratación de 24 traballadores e traballadoras para os servizos municipais.

Coa aprobación desta última axuda, a contía total das subvencións recibidas por Marín a través do Plan Concellos 2017 ascenden a 657.190,13 €, o que supón o 63,97% do máis dun millón de euros (1.027.183,01 €)  que lle corresponden á vila a través do plan provincial neste 2017.

O goberno de Carmela Silva, con estas achegas aprobadas para Marín, leva xa distribuídos preto de 31 millóns de euros entre os concellos da provincia, é dicir, o 74,3% do Plan Concellos. Máis polo miúdo, 18,7 millóns de euros correspóndense coa liña 1, de investimentos, 3,4 millóns de euros coa liña 2, gastos correntes e actividades e, finalmente, outros 8,5 millóns de euros coa liña 3 de emprego.


Novas relacionadas

mobilidade

30 junio 2017, mobilidade, marín, plan mobilidade, deputación de pontevedra, repintado, loira, moreira