Noticias

A Deputación de Pontevedra destina a Mondariz unha nova achega do Plan Concellos de máis de 20.000€

Con este investimento, o Goberno de Carmela Silva financiará a impermeabilización do depósito de auga de Santa Baia


25 setembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante resolución presidencial, un novo investimento no Concello de Mondariz ao abeiro do Plan Concellos. Trátase esta vez dunha axuda de 20.460,56 euros para a impermeabilización do depósito de auga de Santa Baia (Lougares).

Ademais desta cantidade, o Goberno provincial ao través do Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio. En concreto, 355.986,88 euros na liña 1 destinados a financiar a mellora e pavimentación do camiño de Pontevedra, a mellora de camiños municipais en Cernadela (Riofrio) e nos lugares do Costal e O Coto (Sabaxáns), tamén a mellora da accesibilidade e acondicionamento parcial da antiga escola Pé do Muíño para centro de formación municipal (Fase II), ao equipamento e mellora das instalacións do auditorio do centro social, a dotación de infraestruturas nos campos municipais de fútbol da Lagoa, á reforma da planta baixa da casa consistorial, ao equipamento e mellora das instalacións de policía local e protección civil, a adquisición dunha minicargadora e cullerón varredor, as obras de reparación segunda fase da escola de Redo de Vilar, á mellora de camiños en Frades, Sabaxáns, Mouriscados e Vilasobroso, a adquisición de equipamento para escola de música, axuda no fogar e pavillón municipal, e a adquisición de equipamentos informáticos.

No que corresponde á liña 2, a Deputación de Pontevedra adxudicou 35.747,74 € para o Desafío Mondariz Race 2018, a XXX Feira dos Oficios Artesáns, o Orienta-Tea, o Open Futbolín Rías Baixas Mondariz, a III Festa Gastronómica da Carne Arreghlada, as xornadas de promoción dos queixos de embutidos, as festas infantís con inchables, a Feira do Pan, o cine de verán na rúa e o II Ciclo Corais Outono en son. E tamén, outros 115.822,52 € foron destinados á financiación da contratación de 19 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 do Plan de Concellos 2018.

A Deputación destina este ano a Mondariz, ao través do Plan Concellos, un total de 877.689,41 euros, un 74,5 % máis que en 2017.