Noticias

A Deputación de Pontevedra concede préstamos sen xuros a catro concellos por máis de 750.000 de euros

Os concellos de O Grove, Cuntis, Valga e Vilanova financiarán diversas obras


19 out 2016
Firma de convenio
Firma de convenio

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou hoxe os préstamos sen xuros para os concellos de O Grove, Cuntis, Valga e Vilanova que suman máis setecentos cincuenta mil  euros para afrontar diversas obras nos seus municipios.

En 2016, por primeira vez a Deputación provincial leva a cabo esta liña de créditos en réxime de concorrencia competitiva e sen ningún tipo de xuros para os municipios. No anterior Goberno provincial, os xuros se situaban no 2%. Para este ano a Deputación adicou aos concellos 1,5 millóns de euros para estes prestamos sen xuros.

Para o concello de O Grove hoxe se rubricaron dous convenios distintos. Ambos corresponden ao ano 2014, pero ante a imposibilidade de levar adiante as obras que financiaban, o alcalde, José Cacabelos, decidiu solicitar a Deputación a modificación do fin das obras e manter os préstamos. Así se aproba  un primeiro anticipo de 150.000 euros que estaba previsto que sufragara un ximnasio para a construción de pistas de padel e a súa cuberta. O segundo, ten un valor de 250.000 euros e muda tamén a súa finalidade, que era para un centro de interpretación de ribeira e acabará financiando obras de saneamento en Estonllo e Reboredo; melloras no mercado  e no cemiterio municipal; e para a senda entre Virxe das Mareas e Porto Meloxo.

No caso do concello de Cuntis, trátase dun préstamo sen xuros por valor de 96.938,87 euros para arranxos en diversas pistas deterioradas polos temporais de inverno. O concello de Cuntis devolverá este préstamo en quince anos.

O préstamo do concello de Valga tamén é unha modificación do solicitado no 2015. Trátase dun crédito de 65.000 euros que foron pedidos para a pavimentación na estrada EP 8501 entre Valga e Martores e agora adicarase a financiar diversos danos causados polos temporais de inverno. O concello de Valga tamén terá quince anos para a devolución.

No caso de Vilanova, o préstamo sen xuros de 200.000 euros está adicado a cumprir coa resolución do 29 de xaneiro de 2016, do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, e afrontar o pagamento de facturas pendentes. O concello fixou o prazo dun ano para a devolución do préstamo.