Noticias

A Deputación de Pontevedra baixa os prezos dos viveiros de empresas de Barro-Meis e Lalín

Carmela Silva manifestou que "queremos facer un esforzo para que as naves e oficinas dos viveiros sexan máis atractivas para a instalación de novas empresas, autónomos, pemes e persoas emprendedoras"


28 out 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o establecemento e regulación do prezo público polos servizos que se prestan nos viveiros de empresas de Barro-Meis e Lalín. A través desta regulación os prezos dos viveiros baixan incluso ata máis da metade co obxectivo –tal e como asegurou a presidenta  da Deputación- "de facer un esforzo para que as naves e oficinas dos viveiros sexan máis atractivas para a instalación de novas empresas, autónomos, pemes e persoas emprendedoras".

Carmela Silva asegurou que "o que nos atopamos cos viveiros -non moi diferente á maioría das cuestións herdadas- foron unhas instalacións postas en marcha sen ningún estudio previo de viabilidade; sen ter en conta a situación económica na que se acometía o investimento, en plena crise económica, cando estaban a pechar numerosas empresas; e sen analizar as repercusións que poderían producir, ocasionando un efecto negativo, ante un exceso de oferta e diminución da demanda". Amais, Silva engadiu que "as dimensións coas que contaba, sobre todo o viveiro de Lalín, eran erróneas, con naves de tamaño excesivo, cunha distribución irracional de oficinas e naves e sen dar resposta ás novas formas de xestión".

Ante esta situación o goberno provincial puxo en marcha, nun primeiro momento, unha cotas con prezos de mercado inferiores ós do mercado libre, co obxectivo de ocupar o solo e incentivar a promoción económica, o emprego e as condicións para a creación de novas empresas.  Sen embargo, "baseándonos en estudos e análises –tal e como manifestou a presidenta  da Deputación- consideramos que máis que cotas é preciso que a natureza xurídica das tarifas para o uso dos viveiros fosen prezo público, dándolle así máis seguridade ás persoas viveiristas".

Por todo elo sumando a transformación da cota en prezo público e que, tras realizar un estudo sobre as catro persoas que están a desenvolver labores administrativas nos viveiros, se descubriu que o 80% do traballo realízano para a Deputación e o 20% para as persoas viveiristas", a partir do 1 de xaneiro de 2017 os prezos dos viveiros de Barro-Meis e Lalín serán máis baixos e con maiores garantías, resultando da seguinte maneira:

Prezos Barro-Meis
Espazo Prezo NOVO mensual €/m2 (1º ano) Cotas anteriores (1º ano) Prezo  NOVO mensual €/m2 (2º ano) Cotas anteriores (2º ano) Prezo  NOVO mensual €/m2 (3º ano) Cotas anteriores (3º ano)
Naves (entre 54,75 e 110,10 m2) 1,78 € 2,67 € 2,67 € 3,93 € 3,56 € 5,24 €
Oficinas (tipo 1, 18 m2) 2,28 € 3,12 € 3,42 € 4,68 € 4,56 € 6,24 €
Oficinas (tipo 2, 25 m2) 2,28 € 3,12 € 3,42 € 4,68 € 4,56 € 6,24 €
Posto espazo coworking 2,28 € 3,12 € 3,42 € 4,68 € 4,56 € 6,24 €
 
Prezos Lalín
Espazo Prezo NOVO mensual €/m2 (1º ano) Cotas anteriores (1º ano) Prezo NOVO mensual €/m2 (2º ano) Cotas anteriores (2º ano) Prezo NOVO mensual €/m2 (3º ano) Cotas anteriores (3º ano)
Naves (entre 141  e 142,7m2) 3 € 5,8 € 4,5 € 8,69 € 5,99 € 11,59 €
Oficinas (ENTRE 16,10 e 18,10 M2) 3,5 € 6,3 € 5,25 € 9,44 € 6,99 € 12,59 €
Posto espazo coworking 3,5 € 6,3 € 5,25 € 9,44 € 6,99 € 12,59 €
 

Carmela Silva manifestou que "estes novos prezos públicos son o resultado de estudos e análises serios sumados ó esforzo que estamos a facer para impulsar o emprendemento como motor do desenvolvemento económico e social da provincia de Pontevedra".